A CIG outórgalle o Premio 8 de Marzo á loita das traballadoras de Bershka
A Confederación Intersindical Galega outorgou, na edición deste ano, o Premio 8 de Marzo ás traballadoras de Bershka de Pontevedra. Un grupo de mulleres moi novas que, tal e como salientou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, “foron as primeiras en enfrontarse e plantarlle cara ao xigante Inditex” e en conseguir, tras nove días de folga indefinida, un acordo coa empresa para rematar coa discriminación salarial e acadar todas as medidas sociais relativas a conciliación familiar e a incapacidade permanente do resto do persoal doutras provincias: permisos, excedencias, tempo de descanso ou lactación.
No mesmo acto, que foi conducido pola secretaria Confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, fíxose entrega tamén do Premio 10 de Marzo, co que nesta edición a central recoñeceu a loita do persoal de Ferroatlántica Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas.
Pola súa banda, Margarida Corral salientou que a central sindical quixo recoñecer a loita de Bershka porque “estas traballadoras foron quen de dar unha resposta de clase ao abuso patronal”. Unha resposta como a que deron tamén miles e miles de mulleres o pasado 8 de marzo nos centros de traballo e nas rúas e das que tamén quixo facer mención especial.
Folga de Mulleres do 8 de Marzo
A secretaria das Mulleres non ocultou a súa satisfacción por unha xornada “inesquecíbel para as galegas e para o feminismo deste país” que foi o “peche histórico” a moitos meses de intenso traballo preparando a folga de mulleres. Así salientou as centos de asembleas convocadas nos centros de traballo, de xornadas de reparto na rúa, de actos públicos e faladoiros para divulgar a convocatoria ou os debates sobre as discriminacións que sofren as mulleres.
Ademais quixo pór en valor o traballo desenvolvido por todas e cada unha das mulleres da CIG para que a folga fose un éxito. “É de xustiza pór en valor o voso esforzo, a vosa tenacidade, a vosa capacidade inmensa de traballo, pese as críticas, os ataques, os abusos da patronal e mesmo a pesares das burdas estratexias doutras centrais sindicais que non perseguían máis obxectivo ca o de invisibilizarnos e que non puideron conseguir”.
Con todo afirmou que aínda que “o éxito mobilizador do 8 de marzo debémosllo á inmensidade de mulleres galegas que desbordaron prazas e rúas coa súa presenza”, foi a CIG quen conseguiu levar aos centros de traballo o debate sobre a necesidade da folga e que esta fora secundada, tal e como se constatou nas preto de 40 concentracións convocadas e cidades e vilas de toda Galiza.
A secretaria das mulleres lembrou que foia CIG tamén quen “politizou e ideoloxizou” os debates que se deron arredor da convocatoria de folga, dándolle un contido de clase á conmemoración do 8 de marzo, entre a afiliación e no seo das empresas. “Fomos quen de falar da situación de discriminación das mulleres da Galiza, da consecuencia que isto ten para o desenvolvemento do noso pobo e das nosas alternativas, tanto na negociación colectiva, como no que ten que ver coa derrogación das reformas laborais e de pensións pactadas e asinadas polos sindicatos e as organizacións políticas do poder”.
O facho das nosas antergas
Corral vinculou esta histórica mobilización das mulleres no 8 de marzo e o papel xogado polas “mulleres bravas da nosa central sindical, que retomaron o facho das súas antergas” coas revoltas populares de mulleres que hai cen anos se ergueron na Galiza contra a carestía de alimentos básicos e o cobro de abusivos e inxustos impostos.
Lembrou como, en 1918, centos e centos de mulleres marcharon en manifestación polas rúas de Ferrol e A Coruña, asaltando os peiraos, as loxas, os almacéns, requisando e repartindo os alimentos incautados, impedindo a saída do peixe para España e asaltando varios tren, “facendo valer o seu papel preponderante no combate con berro de Fóra! Aquí bastamos nós”.
Mulleres que Margarida Corral quixo lembrar porque foron quen de amosar “a súa capacidade de autoorganización, constituíndo todo un exemplo de auténtica loita de clases, contra a represión e na defensa dunha digna, que foi por completo censurada neste colonizado país, que prefire ter como referente sucesos neoiorquinos antes ca loita galega”.
Sucesos tras dos que, como lembrou, transcorreu un século para que de novo en Galiza mulleres novas, maiores, de mediana idade, estudantes, asalariadas, desempregadas ou xubiladas “tinxiran de lila, de reivindicación e de loita” as rúas de Vigo o pasado día 4 e as de todas as cidades e vilas galegas o día 8 de marzo.
Conflitos en 2017
A secretaria das Mulleres da CIG non quixo esquecer, en todo caso, os outros conflitos e mobilizacións protagonizadas por mulleres ao longo do ano 2017 e máis unha vez lembrou a loita de Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo despedida tras máis de sete anos de acoso laboral; as denuncias por agresión sexual en centros hospitalarios como o de Conxo ou a loita das traballadoras do Grupo Deus, de Ordes.
Mais tamén lembrou todas as veces que houbo que saír á rúa en repulsa dos feminicidios e as múltiples denuncias presentadas por casos de discriminación salarial e/ou laboral; pola mercantilización do corpo das mozas; contra a emigración, o desemprego e a precariedade que sofren as mulleres e, nomeadamente, as mozas ou as denuncias polo peche dos xulgados de violencia contra as mulleres durante o verán porque non se cobren as vacacións dos xuíces e xuízas.
Isto xunto coas denuncias pola discriminación das docentes que viven en áreas rurais, porque non poden realizar probas xinecolóxicas; as denuncias presentadas na Fiscalía contra as mutuas e a administración por denegar prestacións por risco ou a denuncia presentada contra o Corte Inglés por acoso sexual e laboral que foi gañada pola compañeira Maribel.