A CIG outorga ás traballadoras da limpeza de Lugo o Premio 8 de Marzo
A CIG concedeu o Premio 8 de Marzo ás traballadoras da limpeza de Lugo, que recibiron unha ovación das e dos asistentes. Foi Susana Méndez, en representación da secretaria das Mulleres, Nicolasa Castro, a encargada de facer entrega do agasallo.
En nome de Castro, Méndez manifestou o “orgulllo” de toda a central sindical ante a “exemplar loita” levada adiante polas traballadoras da limpeza de Lugo, que foron capaces de soster unha folga durante 130 días para enfrontar unha patronal estatal “moi belixerante e intransixente, na que están empresas tan poderosas como Acciona, Clece, Eulen, FCC, Sacyr ou Ingesan, que buscaba consolidar a pobreza e a precariedade laboral na negociación do novo convenio colectivo”.
Lembrou que as traballadoras entenderon e acreditaron na mobilización como o único camiño para avanzar nos seus dereitos e que foi a través desa loita como conseguiron “rachar coas miserentas propostas patronais até acadar os maiores incrementos económicos negociados nunca neste convenio, introducir cláusulas de garantías salariais e frear o recorte que as empresas querían aplicar no cobro da antigüidade”.
Xunto a isto, denunciou que, en todo caso, neste “durísimo” camiño, as compañeiras “tamén sufriron o abandono total das administracións públicas -principais contratistas das grandes empresas da limpeza- que obviaron as súa responsabilidades e se mantiveron pasivas ante o conflito, malia que as traballadoras estaban en folga para reclamar un convenio que chegue ao SMI”.
Por iso concluíu afirmando que “a súa, constitúe un exemplo de loita, resistencia e dignidade para toda a clase obreira e un exemplo de loita feminista contra a precariedade e a explotación laboral nun sector esencial e altamente feminizado, pero tan pouco valorado como o da limpeza”.