
A CIG-Ourense recoñece co ‘Premio Etelvino Blanco’ o labor social e cultural da asociación Andén 1º

O intenso labor social e cultural da asociación Andén 1º foi recoñecida coa terceira edición do ‘Premio Etelvino Blanco ao compromiso cívico sindical’ que a Unión Comarcal da CIG de Ourense puxo en marcha en 2023 para homenaxear a figura do histórico sindicalista.

A executiva comarcal apostou nesta ocasión por premiar a un colectivo que xestiona un espazo aberto nas instalacións do ferrocarril “polo seu forte compromiso coa sociedade”. Andén 1º está xestionado por persoas xubiladas do sector do ferrocarril, que ceden o seu local de xeito desinteresado a multitude de iniciativas. Alí celebráronse, por exemplo, o 20º aniversario da plataforma ‘Nunca Máis, e teñen lugar xuntanzas, entre outras, da Fundación Vicente Risco.
Durante o acto de entrega do galardón celebrado o pasado venres as persoas asistentes puideron gozar da actuación musical dun grupo integrado por persoas maiores que ensaia precisamente nas instalacións do colectivo premiado. Ademais, proxectouse un traballo audiovisual da Fundación Moncho Reboiras sobre a folga xeral do 14 de febreiro de 1984, considerado o primeiro paro nacional da nosa historia.