A CIG-Ourense impugnará xudicialmente a privatización da recollida do lixo da Deputación Provincial
A CIG de Ourense vén de anunciar a súa intención de impugnar pola vía xudicial o acordo de privatización do Servizo de Recollida de Residuos Sólidos (RSU) da Deputación Provincial e a modificación da ordenanza de RSU aprobada polo ente supramunicipal. Dende a central sindical lembran que hai nove anos xa conseguiran frear a súa externalización a pesar de non contar con representación no organismo e de facelo en solitario, aínda que nesta ocasión promoverán a unidade sindical “para enfrontarnos a este despropósito”.
Deste xeito, confían en que o resto de centrais con representación na Deputación se sumen á loita para impedir a privatización, “algo que non conseguimos hai nove anos, polo que tivemos que enfrontarnos en solitario a un proceso longo e difícil sen a axuda de ninguén, tendo que acudir en varias ocasións aos xulgados”. Mais grazas a ese esforzo logrouse abortar o proceso de privatización dun servizo que a día de hoxe continúa a ser público.
O PP quere que servizos que procuran un beneficio social para todos/as pasen a beneficiar economicamente a algúns/has
Pero o Goberno do PP na Deputación acordou agora de novo privatizalo co mesmo obxectivo que daquela: recortar as prestacións que recibe a veciñanza e mudar o seu carácter público, “de xeito que servizos que procuran un beneficio social para todos/as pasen a ser servizos privados que procuran un beneficio económico para algúns/has”.
Dende a CIG-Ourense sinalan ademais que a decisión de privatizar un servizo que emprega a máis de 80 persoas e que cobre as necesidades de recollida de lixo de milleiros de veciños/as da provincia coincide coa publicación no BOE da Lei 20/2021 do 28 de decembro que obriga as Administracións públicas (tamén á Deputación) a regularizar a situación de temporalidade de ducias de traballadores/as precarizados/as.
Estabilidade no emprego
En consecuencia, moitos/as dos posíbeis beneficiarios/as da citada lei na Deputación, traballadores/as do servizo de RSU, van ficar sen poder conseguir a estabilidade no emprego ao seren cedidos/as a empresas privadas. “Cando os servizos públicos están a ser reforzados en toda a Unión Europa a Deputación de Ourense, nun alarde de 'ourensanía' e 'modernidade', privatiza unha prestación esencial para os cidadanía como é a recollida de residuos”.
Por iso censuran que este sexa o xeito que ten o presidente da Deputación e o seu partido, o PP, de agradecer o traballo desenvolvido polo cadro de persoal do servizo de RSU, “que non parou de traballar nin sequera durante o período máis duro da pandemia, que foi o confinamento”.