A CIG-Ourense entrega os premios Etelvino Blanco para homenaxear o histórico sindicalista
A CIG de Ourense fixo entrega este martes dos premios Etelvino Blanco ao compromiso cívico sindical, uns galardóns que a Unión Comarcal decidiu poñer en marcha para homenaxear a figura do histórico sindicalista. Nesta primeira edición os galardóns recoñeceron a loita das traballadoras de H&M para evitar o peche da tenda da rúa do Paseo e do persoal do sector do siderometal en demanda dun convenio colectivo digno.
O acto, no que participaron familiares, amizades e compañeiros/as de quen foi secretario comarcal da CIG-Ourense durante 23 anos, tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel coincidindo coa data na que 39 anos atrás se celebraba a primeira folga xeral que paralizou a provincia.
Unha representación das traballadoras de H&M e do comité de folga do siderometal recolleron os premios -unha figura do escultor Adolfo Fernández- cos que se quere honrar a memoria de Etelvino Blanco e recoñecer conflitos laborais de especial relevancia acontecidos dende o pasamento do líder sindical en 2019.
Nesta primeira edición os escollidos foron a loita do persoal de H&M, que coa súa unidade e determinación, “e contra todo prognóstico”, plantáronlle cara á transnacional e foron quen de frear o peche do establecemento que a empresa téxtil ten na cidade; e a do sector do siderometal, que tras case un mes de folga foi quen de dobregar a patronal e lograr un convenio colectivo que mellorou as condicións laborais.