A CIG-Ourense denuncia que as altas temperaturas que rexistra a provincia causan problemas de saúde laboral
A Unión Comarcal da CIG de Ourense vén de alertar sobre os problemas de saúde laboral que padecen moitos traballadores/as a causa das altas temperaturas que se rexistran na provincia. A central reclama que se respecten as condicións de seguridade e insta a Inspección de Traballo a intervir para poñer fin a esta problemática.
Dende a CIG-Ourense indican que as altas temperaturas que se teñen rexistrado durante os últimos meses na provincia están a supoñer un grave problema para a saúde dos traballadores/as a causa do mal acondicionamento no que se atopan algúns centros de traballo.
“Temos detectado, e medido, que moitos empregados/as realizan o seu labor por riba dos 33 grados centígrados, cando a normativa laboral esixe que non superen os 24/27”. Isto está a provocar que nalgúns casos se produzan mareos, baixadas de tensión e cansancio extremo.
Diante disto, a central xa denunciou a algunha destas empresas -ubicadas nos polígonos industriais- na Inspección de Traballo “sen que até o momento teña dado resposta algunha”. De feito, segundo critican dende a CIG, nalgún caso a autoridade laboral non procedeu nin a inspeccionar o centro de traballo denunciado, polo que as empresas seguen sen instalar os elementos de ventilación necesarios para solucionar este grave problema. Ademais,a Inspección tampouco sancionaou o reiterado incumprimento das medidas de seguridade e saúde laboral.
É por iso que dende a central esixen a inmediata actuación da autoridade laboral para obrigar ás empresas a tomar medidas para solucionar esta problemática canto antes.