A CIG-Ourense denuncia abusos laborais nos centros sanitarios privados El Carmen e Cosaga

Reclamaralle ao grupo Recoletas que remate coa incerteza do persoal e informe do proceso de venda
Ourense - 24 Mar 2022

A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia os abusos laborais e a sobrecarga de traballo que está a padecer o persoal dos centros sanitarios privados El Carmen e Cosaga como consecuencia do proceso de venda ao grupo Recoletas. Ao mesmo tempo, dende a central sindical dirixirase a Recoletas para que remate coa incerteza dos empregadas/os e ofreza información sobre o plan de viabilidade dos centros e sobre o mantemento dos postos de traballo, “xa que as xerencias de El Carmen e Cosaga non a están a facilitar”.

Na CIG alertan da situación de “extrema tensión” que se está a producir nestes centros sanitarios privados ourensáns no ámbito das relacións laborais, “que mesmo teñen dado lugar a denuncias individuais dun importante grupo de traballadoras/es ante a Inspección de Traballo por abuso de autoridade, maltrato psicolóxico, desprezo e menoscabo profesional”. 

Un grupo de traballadoras/es denunciou abuso de autoridade, maltrato psicolóxico, desprezo e menoscabo profesional

Ademais, sinalan que as empregadas/os están a acusar unha sobrecarga de traballo que ten aumentado exponencialmente nos últimos dous anos coincidindo coa pandemia, “con menos persoal do que había anteriormente, con prolongación de xornadas e horas extraordinarias moi por riba do límite legalmente establecido, con modificación das condicións económicas e co nulo compromiso coa necesidade de conciliación e de políticas de igualdade”.

Desinformación 

Toda esta problemática dáse en pleno proceso de venda destes centros ao grupo Recoletas, que se está producir nun marco de “absoluta desinformación, o que provoca tensión e incerteza entre o persoal”. De feito, a estas alturas “seguimos sen ter constancia formal do plan de viabilidade, da distribución funcional, do mantemento dos postos de traballo ou da estrutura orgánica e/ou empresarial da nova xerencia”. Até o punto de que nin sequera se coñece a fórmula xurídica de venda/adquisición dos centros.

Por iso dende a CIG-Ourense poranse en contacto co grupo Recoletas “para solicitar a información que as traballadores/es teñen dereito a coñecer, toda vez que as actuais xerencias de El Carmen e Cosaga non a están a facilitar”.