A CIG-Ourense aborda os riscos sociais e laborais da implantación da intelixencia artificial no mundo do traballo

A xornada de análise e debate desenvolveuse no marco do Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel)
Ourense - 21 Mar 2024

A CIG de Ourense levou a cabo recentemente unha xornada de análise e debate sobre os riscos sociais e laborais da implantación da intelixencia artificial (IA) no mundo do traballo. O encontro celebrado no marco do 17º Salón da Prevención e Seguridade e Laboral (Previsel) tivo como relatores a Antón Vila Sobrino, profesor titular na Escola Superior de Enxeñería Informática da Uvigo no Campus de Ourense; Miguel Presno Linera, catedrático de dereito constitucional, profesor na Universidade de Uviéu, e Anxo Pérez Carballo, secretario comarcal da CIG-Ourense e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais.

 

Na xornada técnica organizada pola central sindical nas instalacións de Expourense participaron máis dun cento de delegados/ase abordáronse os retos que a nivel sindical “temos que asumir, combater e aproveitar sobre o que representa a IA nas nosas vidas/fábricas/empresas”.

A participación activa dos representantes sindicais presentes “evidenciou a necesidade de afrontar este asunto sindicalmente e de implementar ferramentas e alternativas na negociación colectiva, pactos de empresa, asesoramento xurídico, etc”.

O secretario comarcal da CIG-Ourense fixo fincapé en que nos atopamos diante doutro reto “ao que temos que plantarlle cara e darlle alternativas, como fixemos até o de agora con todo o que nos ten vido como consecuencia dos avances tecnolóxicos”.