A CIG organiza unha xornada nacional de sensibilización sobre a silicose
A federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG organiza este venres no Porriño unha xornada nacional de sensibilización sobre a silicose, unha enfermidade crónica que afecta ao aparato respiratorio provocada pola inhalación de po sílice. No noso país afecta a centos de traballadores/as, sobre todo do sector da pedra e da lousa, e a central leva anos loitando para que se recoñezan os seus dereitos.
Na xornada, que se celebrará no salón de actos do centro cultural porriñés ás 19:00 horas, abordarase a problemática derivada desta doenza dende o punto de vista sindical, médico e legal. Plácido Valencia Rodríguez, secretario nacional da FCM, e Alberto Fernández Campos, ex secretario comarcal da FCM de Vigo, serán os encargados de abordar o asunto dende unha óptica sindical.
José Jesús Blanco Pérez, neumólogo do servizo de Neumoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, centrarase na parte clínica da enfermidade (causas, sintomatoloxía, tratamento, etc). E Manuel Gil Fernández, especialista en medicina do traballo e ex xefe do equipo técnico de medicina laboral do centro ISGGA de Pontevedra, disertará sobre os aspectos legais da doenza (valores límite, recoñecemento de incapacidade, etc).
Dende a FCM-Vigo sinalan que só na provincia de Pontevedra hai diagnosticados máis de 700 casos de silicose, aínda que en realidade poden ser moitos máis xa que a enfermidade pode derivar en cancro de pulmón ou noutras patoloxías moi graves e aos afectados/as nunca se lles chega a diagnosticar a silicose. A maioría dos afectados/as traballan ou traballaban en canteiras, talleres e serradoiros de pedra, marmorerías ou graveiras.
Na actualidade existen tres graos da enfermidade: no 1º recoñécese a incapacidade laboral con dereito a prestación, pero sempre que na empresa non exista un posto libre de po. Este foi un dereito que a CIG conseguiu en 2015 tras anos de reclamacións, obrigando ao INSS a cambiar o criterio, xa que até entón viña negando este recoñecemento, polo que os afectados/as se vían obrigados/as a longos procesos xudiciais.
Con todo, a central segue a demandar que se conceda a incapacidade total con prestación a quen padeza silicose de 1º grao, para que non se vise obrigado a traballar no sector, como sucede en caso do 2º grao da doenza. Finalmente, co 3º grao recoñécese a incapacidade absoluta, polo que a persoa afectada pode deixar de traballar.
Centro de referencia e papel das mutuas
Ao mesmo tempo, a CIG demanda que se dote o sur de Pontevedra dun centro de referencia sobre a silicose para todo o país, “que ben podería ubicarse nas instalacións do ISGGA en Rande xa que está preparado para esa función pero nestes momentos atópase infrautilizado”. Isto evitaría que o elevado número de afectados/as se vise na obriga de desprazarse, tal e como sucede agora, a Uviéu, onde se está o Instituto Nacional de Silicosis.
Outra grave problema co que se atopan os doentes é que as mutuas laborais nunca recoñecen a enfermidade, polo que os afectados/as teñen que acudir á Seguridade Social ou o centro de referencia estatal. Neste senso, na CIG teñen constatado numerosos casos nos que os traballadores/as son declarados/as aptos para o traballo nos recoñecementos médicos das empresas “e tres días despois levámolos a Uviéu e son diagnosticados/as da enfermidade”.
Polo que os doentes teñen que esgotar o recurso da Seguridade Social, que se fai cargo de todo o proceso e dos tratamento, “polo que ao final nos atopamos que unha enfermidade profesional que debera ser responsabilidade das mutuas témola que pagar con cartos públicos”.
Segundo denuncian dende a CIG, por se isto fose pouco, algunhas mutuas participan tamén dunha estratexia perversa para evitar responsabilizarse tanto elas como as empresas. “Sabemos de casos nos que a mutua, tras detectar a silicose llo comunica ao empresario, que á súa vez fala con outro empresario do sector para que lle ofreza traballo en mellores condicións ao afectado; cando este cambia de empresa, e estando aínda no período de proba, é sometido a un recoñecemento médico tras o que lle comunican que padece a doenza, quedando deste xeito sen traballo e sen dereito a indemnización; da anterior empresa tampouco cobrara nada porque fora el quen pedira a conta para supostamente mellorar as súas condicións laborais”.