A CIG organiza unha caravana de coches en Santiago para reclamar un convenio digno na seguridade privada
A federación de Servizos da CIG ten organizada unha caravana de vehículos polos arredores do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago para reclamar un convenio colectivo estatal digno no sector da seguridade privada e denunciar a parálise e o bloqueo das negociacións por parte da patronal.
A medida de presión terá lugar este mércores día 5 de 17.00 a 19:00 horas, coincidindo coa xuntanza prevista para as 9:30 horas entre a representación sindical e o empresariado para continuar coas conversas.
O representante da CIG na mesa de negociación do convenio, Pedro Pérez, denuncia a parálise e o bloqueo das negociacións por parte das patronais APROSER e ASECOPS, que optaron por adiar até este mércores día 5 a reunión que se ía celebrar o pasado venres día 30 e que insisten en trasladar propostas “inasumíbeis”.
De feito, na última contémplase un “raquítico” incremento salarial do 3% para 2023; do 3,5% para 2024; do 4% para 2025; e sen concretar para 2026.E iso sen sequera asumir a totalidade do IPC no caso de ser superior nos catro anos de vixencia do convenio.
Proposta inaceptábel
Para a CIG esa proposta de incremento salarial -deixando o cuarto ano en suspenso para negocialo na vixencia do convenio- é “inaceptábel”, ao igual que a pretensión de modificar á baixa os complementos da IT. A este respecto, Pérez quere deixar moi claro que “estes complementos non se tocan, agás se é para incrementalos”.
Fronte a isto a CIG defende un incremento salarial que permita non só afrontar a actual inflación, senón tamén recuperar o poder adquisitivo pedido, ademais doutra serie de melloras canto a plus de perigosidade, complementos de nocturnidade e festividade, entre outras. Cuestións que para a central sindical deben ser abordadas de inmediato.