A CIG oponse ao paro da patronal do transporte porque non responde ás necesidades do persoal
A CIG rexeita que a patronal do transporte estea a utilizar os condutores e condutoras como subterfuxio para xustificar a convocatoria dun paro patronal, que nada ten a ver coas necesidades do persoal. "Estamos diante de puras reivindicacións patronais que agochan unha loita por un mercado que cada vez ten mellores expectativas, tal e como acredita o aumento das tarifas e da actividade, mentres se pretende consolidar a precariedade laboral e manobrar para esquivar a lexislación vixente, especialmente no que ten a ver cos descansos e a seguridade", subliña Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG.
Pastoriza compareceu esta mañá en rolda de prensa para manifestar a postura da CIG ante a convocatoria de paro do Comité Nacional do Transporte por Estrada que, reiterou, "non se trata dunha folga de traballadores e traballadoras senón dun paro patronal", pois non hai que perder de vista que este comité é un organismo asesor do Ministerio de Transportes e está composto exclusivamente por asociación empresariais.
O representante da CIG fixo unha radiografía da situación laboral no sector, marcado polos baixos salarios -malia tratarse dun traballo penoso-, a elevadísima temporalidade, a falta de recoñecemento das enfermidades profesionais ou as xornadas abusivas. Sobre este último punto, Pastoriza denunciou que moitas empresas obrigan o persoal de condución a 'falsear' a posición do tacógrafo e a poñer como tempo de descanso o tempo dedicado a outras actividades ou de dispoñibilidade "para poder así facer máis horas de condución, cos riscos que isto conleva".
A isto engádese que hai convenios colectivos que levan anos sen negociar, ou que están renovados pero cun subas salariais mínimas, sen incrementos noutros conceptos retributivos, e sen melloras en materias como a contratación. A situación, apunta Pastoriza, aínda é peor no transporte en furgoneta, coche ou moto, "onde é imposíbel o control da xornada e os salarios están moi preto do SMI".
"Chama a atención que a patronal se queixe da falta de profesionais, cando en ningún momento dende que anunciaron o paro puxeron enriba da mesa a necesidade de mellorar as retribucións e as condición de traballo", denuncia. "O que buscan é presionar o goberno para lograr unha regulación á súa medida, que abarate custes e consolide a precariedade laboral, nun sector en constante medre, pero que dende o inicio da pandemia aínda tivo unha evolución mellor", aclara Pastoriza.
Actitude pirata da patronal
O estado do transporte de mercadorías é de tal natureza que, fundamentalmente desde a UE, estase cambiando continuamente a lexislación para un maior control da picaresca patronal. De feito, nos últimos tempos, ademais das disposicións en materia sancionadora nos pesos e medidas ou o control sobre as “empresas buzón”, aprobouse utilizar unidades móbiles da ITV para facer controis nas estradas, así como a posta en marcha do “tacógrafo intelixente”, que se conectará por GPS á administración.
No ano 2024 todos os vehículos terán que dispor deste dispositivo, aínda que teñan tacógrafo de disco, e para 2026 as furgonetas de máis de 2,5 T terán tacógrafo. Xunto a isto, prohibiuse durmir no camión no descanso semanal de 45 horas, asumindo a empresa o custe da pernocta; estableceuse un baremo de sancións de tal xeito que un determinado número de sancións conleva a perda da habilitación. "E todo isto, salienta, pola actitude pirata da patronal".
Os argumentos da patronal
Sobre os argumentos para convocar este paro, Pastoriza referiuse á Modificación da Lei do Contrato de Transporte, sinalando que a patronal quere prohibir a carga e descarga dos transportes de “carga completa”, pero non nos transportes de “carga fraccionada” (paquetería). "É dicir, que non carguen e descarguen nos almacéns dos clientes, pero que carguen e descarguen nas naves dos transportistas, aforrando así o custo do persoal de descarga", alerta.
Ademais, puxo en cuestión a contradición desta demanda cando no Acordo Xeral do Transporte de Mercadorías (asinado pola patronal e CCOO e UGT) se contempla a obriga do condutor ou condutora a cargar e descargar se así se lle demanda. "Así pechan o círculo: en determinadas condicións o goberno prohibe cargar e descargar e así eliminan competidores, pero os condutores e condutoras seguen tendo a obriga de cargar e descargar se o manda a empresa".
Explica que tamén é habitual que as empresas ordenen ao persoal condutor que poña o tacógrafo na posición de descanso mentres fan estas tarefas, para así sortear o descanso regulamentario e poder conducir máis horas.
Pastoriza salientou que atrás deste conflito tamén se atopa a oposición da patronal á modificación da normativa de pesos e medidas, que permitirá aumentar o peso que se pode transportar e as medidas dos vehículos (coas correspondentes modificacións técnicas de seguridade), pero incrementando o importe das sancións polos incumprimentos. "E este é o problema porque este tipo de sancións son para a empresa e non para o condutor. A CIG apoia este incremento nas sancións e os controis porque estamos diante dun elemento importantísimo na seguridade do persoal".
En canto ás medidas contra as denominadas "empresas de traballo asociado", resulta rechamante que a patronal pida un maior control destas empresas, "cando son os propios transportistas quen lles están esixindo os autónomos/as que se asocien. Xa que, ao asociarse, poden conseguir o combustible, rodas, repostos, etc. a un prezo máis barato e así a empresa que os ten contratados pode baixar o importe que lles paga", sinala.
Porén, o punto esencial, "é que mentres traballen como sociedade para o transportista que os contrata, anúlase a posibilidade de que a empresa contratante se encontre cunha declaración de falsos autónomos, aínda que realmente este persoal o sexa".
Por estes motivos, a CIG maniféstase en contra deste paro patronal, xa que non responde a ningunha das reivindicacións dos traballadores e das traballadoras, aínda que as asociacións empresariais estean a utilizar de maneira demagóxica os/as condutores/as para xustificar a convocatoria e gañar o apoio social.