Denunciamos o banquete de beneficios da banca mentres medra a pobreza entre as clases populares
Delegados e delegadas da CIG participaron este mércores en accións simultáneas en varias entidades bancarias do país para denunciar o banquete de beneficios que a ten a gran banca a conta, entre outras, da inxusta suba dos tipos de interese, mentres a persoas traballadoras perciben salarios de miseria, se estende a pobreza, aumenta o número de persoas sen fogar e cada día máis familias teñen problemas para poder afrontar o pago da hipoteca e dos prezos dos produtos de primeira necesidade.
As accións desenvolvéronse de maneira simultánea na Coruña, Vigo, Pontevedra, Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense e consistiron nunha ocupación simbólica de distintas oficinas do Banco Santander, do BBVA e de Abanca.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que estas accións reivindicativas se fan en entidades financeiras precisamente "porque os bancos -xunto coas distribuidoras de alimentación e as empresas enerxéticas- representan esta festa de ganancias do capital". Lembrou que só no primeiro semestre deste ano, a gran banca española aumentou o seu beneficio un 20,2%, gañando 12.386 millóns de euros.
Na crise financeira de 2008, a débeda pública traduciuse en recortes sociais, incremento da pobreza e perda de dereitos "para saír ao rescate dos bancos. Pero non vemos agora que ese esforzo sexa correspondido polas entidades que só se preocupan por incrementar de maneira espectacular os seus beneficios; é dicir, por engordar máis e máis os dividendos que se van repartir os accionistas", denunciou Carril.
Os tipos de interese reais no Estado español son dos máis altos de Europa. O propio Banco de España advertiu da dilixencia coa que a banca española traslada as subas dos tipos de xuro decididos polo BCE ás hipotecas ou aos créditos persoais, mais non ten a mesma présa en remunerar os depósitos da súa clientela.
O secretario xeral da CIG alertou que as continuas subas levaron a que hoxe o prezo do diñeiro estea no tipo máis alto dende setembro de 2008 e que o custe medio dunha hipoteca aumentara máis do 15% con respecto a 2021, sendo ademais Galiza un dos tres territorios do Estado nos que máis medra ao mes a contía a pagar nos préstamos. A isto engádese o dato dramático de que no noso país se triplicou o número de persoas sen fogar, e os impagos das hipotecas rexistraron a maior suba desde o ano 2014".
Esta situación, valorou Carril, demostra "como os Gobernos están a errar nas súas políticas, permitindo que, coa escusa da inflación, os bancos e a política monetaria sigan marcando a vida real do conxunto do pobo e das clases traballadoras estendendo a pobreza".
Faltan políticas de intervención pública
Hai un ano, a CIG avanza que o 'código de boas condutas', como solución ideada polo Goberno español, en absoluto ía resolver os problemas das familias á hora de afrontar o abono das cotas hipotecarias, pero "ao que si axuda esta medida, é á capacidade para soportar a morosidade e salvar a conta de resultados dos bancos".
Fronte a isto, Carril volveu reivindicou políticas de intervención pública en sectores estratéxicos como o enerxético ou o financeiro, apostando pola creación dunha banca pública ao servizo do pobo e das necesidades do sector produtivo.
Demandou tamén a conxelación das cláusulas das hipotecas variábeis e que non se apliquen as revisións á clase traballadora e ás clases populares mentres non baixen os tipos ao mesmo nivel que subiron; conxelar os prezos dos alugueiros; e prohibir todos os desafiuzamentos de vivendas que está en marcha, estendendo esta práctica durante 2024 e 2025, "tal e como dende a CIG xa propuxemos hai máis dun ano".
Nesta liña, criticou que a Xunta de Galiza sexa incapaz de pór no mercado vivendas sociais nun número suficiente para garantir o acceso a unha vivenda digna, mentres os prezos dos alugueiros acadan cifras desorbitadas. Neste dramático contexto, "a ocorrencia da Xunta é revisar á alza os prezos máximos da venda e do alugueiro da vivenda protexida, subíndoos entre 87 e 120 euros o metro cadrado".
Por iso, reclamou da Xunta que incremente o parque público de vivendas sociais e facilite as condicións de acceso para garantir o dereito a unha vivenda digna, especialmente ás persoas vulnerábeis e sen recursos.
Continúan os peches de oficinas e a perda de emprego
Pero aínda que a banca logra beneficios récord ano tras ano dende 2021, afóndase no peche de oficinas, na perda de servizos á clientela, na exclusión financeira de amplos sectores da sociedade e na destrución de emprego a través dos novos expediente colectivos de extinción. Á sangría laboral que derivou da crise de 2008 hai que sumarlle os 15000 postos de traballo perdidos entre os anos 2021 e 2022 neste sector.
"Cando a clase traballadora e o pobo seguimos pagando os recortes do millonario rescate para salvar a banca, agora non hai que nos salve a nós, e os Gobernos continúan sen actuar de forma implacábel para que estes extraordinarios beneficios revertan no benestar social, no desenvolvemento económica e na creación de emprego digno", aseverou Carril. A este respecto, lamentou que o gran imposto que o Goberno español anunciaba para a banca rematara sendo "un impostiño que en absoluto frea este festín de beneficios".