A CIG ocupa o Zara de Marineda en protesta polo esquema de abusos laborais nas obras das tendas
Membros da CIG desenvolveron esta mañá unha ocupación simbólica das obras da tenda de Zara no centro comercial Marineda da Coruña, en protesta pola situación de explotación laboral que se vén dando nas obras promovidas polas principais galegas de téxtil en todo o mundo. Con esta acción, a CIG tenta que as empresas acepten sentar a negociar as condicións laborais que deben regular estas obras.
No marco da concentración tamén se realizou unha concentración e unha asemblea informativa na que participaron traballadores e traballadoras desta obra.
Incumprimentos sistemáticos dos convenios
Mario Maceiras, da Federación de Construción e Madeira da CIG na Coruña, explica que desde a contratista vénse premiando ás empresas máis desreguladas, que deben aceptar incumprimentos sistemáticos dos convenios colectivos, como a realización de xornadas de máis de 12 horas, exceso de xornada que non se recompensa nin remunera, o incumprimento dos tempos legais de descanso e entre xornadas, o nepotismo na contratación, o encadeamento fraudulento de contratos, a relaxación da vixilancia da seguridade e a saúde, co conseguinte incremento da sinistralidade, renuncia ás vacacións, etc.
Ademais, engade Maceiras, a dispoñibilidade permanente dos/as traballadores/as para viaxar en calquera momento a calquera lugar do mundo, provoca que nalgúns casos o persoal chegue a pasar até seis meses sen ver a súa familia.
"Para colmo, hai casos nos que os traballadores deben devolver ás empresas os cartos gañados en diferentes países, como xa ten denunciado o sindicato UNIA en Suíza", que contou cunha representación na acción desenvolvida esta mañá pola CIG.
Esta situación afecta principalmente a empresas que non contan con representación sindical ou ben nas que esta está ocupada por persoas de confianza da empresa e incluso os seus propios accionistas, coa clara intención de imposibilitar ningunha resposta sindical a esta problemática.
Fraude "millonaria"
O tecido de empresas galegas que prestan servizos en obras de tendas do téxtil superan o medio cento e dan traballo directo a milleiros de operarios, o que pode dar unha idea das dimensións brutais da situación que denuncia a CIG. "Aparte do dano infrinxido a operarias e operarios, só en materia de horas extraordinarias non declaradas á Seguridade Social, a fraude pode acadar proporcións multimillonarias que o sindicato vai pór en coñecemento das autoridades", destaca Maceiras.
Neste sentido, a Inspección de Traballo xa certificou recentemente que noutra obra de Zara Home en Arteixo non se respectou o calendario laboral por traballar festivos, polo que levantou acta de infracción.
A CIG xa solicitou unha reunión á dirección de GOA Invest, a construtora de INDITEX, para abordar a situación nestas obras "e para presentarlle unha táboa reivindicativa coas condicións sociais que esixe en cada obra do grupo, co obxectivo de rematar coa situación de explotación laboral nas obras de montaxe de tendas, defender a dignidade no sector da construción e redistribuír o excedente de traballo con novas contratacións no sector".