A CIG ocupa o salón de plenos do Carballiño en demanda da readmisión das despedidas do Asilo
A CIG ocupou esta mañá o salón de plenos do concello do Carballiño para exixir ao alcalde, como membro do Padroado da Fundación Hermanos Prieto, que dirixe o Asilo da vila, que interveña diante da situación que se está vivindo no centro e se proceda á readmisión das traballadoras despedidas. Lonxe de tratar de achegarse ás traballadoras para coñecer directamente a súa situación, Francisco Fumega deu orde de desaloxo á policía local, algo que non ocorreu cando, polo mesmo motivo, a CIG ocupou a catedral e o bispado.
O secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, lembra a orixe do Asilo do Carballiño, que depende da Fundación Hermanos Prieto, e o fin social para o que naceu a principios do século XX. Denuncia que porén, desde que hai dous anos, cando se contratou a unha nova directora, Nuria Iglesias, á súa vez presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense, ese fin social desapareceu para converter o centro de maiores nun negocio á procura de beneficios.
Sancións e despedimentos
Pérez Carballo explica que para conseguir ese obxectivo, a nova directora apostou por “desfacerse de xente que tiña moito tempo de antigüidade”. De feito, hai un ano, cando as traballadoras comezaron a sindicarse, Iglesias despediu a unha traballadora á que consideraba portavoz, que tivo que ser readmitida tras da demanda presentada pola CIG.
A Fundación, despois de levar perdidas máis de 20 sentenzas no Xulgado do Social por incumprimento do convenio “agora xa non vai ao Xulgado, concilia” e tal e como denuncia o secretario comarcal da CIG de Ourense, o que decidiu foi pór en marcha unha política de sancións disciplinarias chegando, no caso de dúas traballadoras, ao despedimento.
Unha política de acoso e de presións malia a que as traballadoras, nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar, deron á CIG 2 das 4 delegadas que se elixían.
Esta situación obrigou á central sindical nacionalista a iniciar unha campaña de mobilizacións en demanda da readmisión das despedidas e do cese da “política de acoso e derrubo” do persoal. Deste xeito, desde hai máis dun mes a CIG vén desenvolvendo concentracións e ocupacións da Catedral, do bispado, e hoxe do concello, para demandar do Padroado da Fundación, do que forman parte o bispo, o arcipreste e o alcalde do Carballiño, que asuma a súa responsabilidade e actúe para frear o novo modelo de negocio que se está montando no Asilo.
Pérez Carballo manifesta a súa indignación pola actitude do alcalde que, no canto de achegarse ás traballadoras recorreu á policía local para que os desaloxara do salón de plenos do concello. Considera que con esta actuación comete un enorme erro, “máis cando todo o Carballiño ve ese cambio de modelo polo que se está apostando, por un negocio lucrativo que muda a idea do que ten sido a Fundación”.
Nese sentido subliña que até o de agora o Asilo daba emprego a xente da comarca e sinala que tamén iso está cambiando, porque a medida que se vai desfacendo de xente da zona, vai contratando persoal de fóra.
Denuncia en Política Social
A CIG vai presentar ademais unha denuncia perante a consellaría de Política Social. Esta semana a central sindical recibiu o informe da Inspección de Traballo por mor das denuncias presentadas, en virtude do cal o organismo require á empresa actuacións inmediatas en materia de relacións laborais, no relativo a horarios, quendas ou roupa de traballo, entre outras cuestións, e en materia de prevención de riscos, porque non hai vixilancia da saúde das traballadoras, faltan EPIs, entre outros.
Porén a Inspección deriva á central sindical á consellaría de Política Social para toda outra serie de cuestións denunciadas porque “nesa residencia estase xogando moito, mesmo coa saúde e a vida das persoas que están internas”, afirma Anxo Pérez Carballo.
A modo de exemplo explica que en fins de semana, festivos e polas noites non hai persoal de enfermería e quen prepara e administra a medicación, e mesmo toma a tensión, son as xerocultoras, “cando é un traballo exclusivamente reservado a persoal de enfermería”, advirte.
A isto engade que hai mesmo persoal que nin sequera ten a titulación de xerocultura e tamén fai esas funcións. “Son prácticas moi graves que ten que comprobar e, no seu caso, sancionar a consellaría de Política Social”.
O secretario comarcal da CIG de Ourense conclúe que nin a igrexa nin o concello “poden mirar para outro lado e dicir que iso é cousa da xerente só” e advirte de que a central sindical seguirá exixíndolles as súas responsabilidades para que poñan fin dunha vez por todas a este conflito.