A CIG ocupa a sede do Bispado de Ourense para reclamar o cese do acoso laboral e os despidos no asilo do Carballiño
Unha representación da Unión Comarcal da CIG de Ourense ocupou esta mañá a sede do Bispado de Ourense de xeito simbólico para reclamar o cese do acoso laboral e os despedimentos no asilo que xestiona a Fundación Hermanos Prieto no Carballiño. A central sindical solicitou unha reunión co bispo e anunciou que intensificará as mobilizacións en caso de que non se lles comunique a celebración da xuntanza nun prazo de 48 horas.
A acción reivindicativa, na que participaron oito eprsoas, deu comezo arredor das 10:30 horas co acceso á sede do Bispado. Unha vez dentro accederon ao primeiro andar, onde solicitaron a xuntanza e despregaron unha faixa a través da fiestra na que se podía ler “Bispado, non mires para outro lado”. Posteriormente despregaron a faixa tamén no interior do edificio, que abandonaron sen incidentes tras seren identificados/as pola Policía española.
Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, a súa intención era “manter unha reunión co bispo como empresario, xa que é o presidente do padroado da Fundación que xestiona o asilo”. Finalmente foron recibidos/as polo vicario xeral, a quen lle trasladaron que se nun prazo de 48 non se lles comunica a celebración da xuntanza intensificarán as protestas.
A central sindical demanda o cese da política represiva e de acoso laboral que a nova xerencia do centro está a levar a cabo contra as empregadas máis antigas, ao tempo que exixe readmisión das traballadoras despedidas. E responsabiliza a institución relixiosa do que está a acontecer, como máximo responsábel do padroado da Fundación, e ao Concello do Carballiño por permitir esta situación “e abrir así o camiño ao despido das traballadoras con maior antigüidade, contribuíndo a transformar o vello asilo nunha empresa que só busca o beneficio económico”.
Acoso, ameazas e coaccións
Denuncian que a nova xerencia do asilo está a levar a cabo unha política “implacábel” de acoso e de represalia cara as traballadoras máis antigas, chegando a despedir a varias delas polo feito de reclamar os seus dereitos. “Acusamos a dirección de menosprezos e coaccións ás empregadas, e reclamámoslle que cese nesta práctica e que non ameace, nin coaccione, nin despida polo feito de defender os dereitos”.
As empregadas levan tempo denunciando que o persoal con 20, 30 e até 40 anos de antigüidade na empresa vese na na obriga de alzar a voz porque “en pleno século XXI os menosprezos e as coaccións ás persoas traballadoras deberan de estar abolidos”, ao tempo que esixiu respecto por enriba de calquera interese económico.
“Reivindicamos que se nos trate con respecto nos nosos postos de traballo, que nos se nos ameace nin se nos despida por defender os nosos dereitos laborais”. Como consecuencia da actitude da xerencia na actualidade hai xa máis de seis traballadoras que se atopan de baixa por incapacidade temporal, con cadros severos de ansiedade polo trato que reciben a diario.