A CIG logra a maioría da representación sindical na empresa Dama Ourense, franquía de McDonald's
A CIG vén de obter a maioría da representación sindical na empresa Dama Ourense, franquía de McDonald's, ao lograr dous dos tres representantes a elixir, a pesar das presións e coaccións individuais e colectivas exercidas polo propietario sobre o cadro de persoal.
Dende a central nacionalista salientan que esta vitoria nas eleccións sindicais se producise a pesar da “intromisión ilexítima” do administrador único, Esteban Cuesta Martín, “que se empregou a fondo presionando, coaccionando, provocando e hostilizando a todo o cadro de persoal, persoa por persoa e de forma colectiva, inmiscuíndose, de forma ilegal, no proceso electoral, conculcando e pisoteando os dereitos fundamentais e a dignidade das persoas”.
Como consecuencia desta inaceptábel actuación, os servizos xurídicos da CIG están estudando as accións legais a interpoñer, tanto no ámbito laboral coma no penal, por posíbeis delitos contra a liberdade sindical, os dereitos das traballadoras/es e a dignidade das persoas. Dende a central adiantan que darán a coñecer a concreción destas actuacións legais nos vindeiros días.