A CIG obtén a maioría absoluta no comité de Samsic (contrata de Inditex) da provincia da Coruña

A central aumentou a súa representación ao lograr 7 das 9 persoas que se elixían
A Coruña - 30 Mai 2025

A CIG vén de acadar a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas  para o comité de Samsic na provincia da Coruña. A central nacionalista obtivo 7 das 9 delegadas e delegados que se elixían neste proceso, mentres que UGT sacou 2 representantes.

Deste xeito, a CIG aumenta a súa representatividade nesta empresa, cuxa principal actividade é a prestación dos servizos de limpeza nas instalacións do grupo Inditex en Arteixo (tanto na Fundación como en Zara Loxística).

Para a CIG-Servizos este resultado avala o traballo sindical desenvolvido na demanda duns salarios e dunhas condicións laborais xustas, e a posta pola mobilización como vía para avanzar nos dereitos. Precisamente o persoal de Samsic está en conflito en resposta ás miserentas propostas económicas trasladadas pola empresa e a negativa de Inditex a mellorar os orzamentos que destina as súas contratas.

Concentración en Inditex

Dentro do calendario aprobado, hoxe venres, o persoal de Samsic, acompañado do persoal de Veolia (mantemento) e de Sodexo (comedores), concentrouse diante da sede de Inditex para reclamar a dignificación das súas condicións económicas e de traballo, acordes coa gran empresa para a que prestan servizos.

A CIG critica a postura inmobilista de Samsic e censura que a multinacional do téxtil, malia os seus millonarios beneficios, manteña en condicións precarísimas ás traballadoras e traballadores que realizan un labor básico como manter limpas e hixienizadas unhas instalacións polas que cada día pasan miles de persoas.

Hai que subliñar que logo dunha intensa negociación, onte mesmo chegábase a un acordo con Sodexo ao trasladar a dirección unha oferta xusta que satisfai as reivindicacións sociais. Non obstante, persoal do comedor participará na concentración deste venres en apoio ás compañeiras e compañeiros das outras contratas.