A CIG obtén a maioría absoluta en Kaefer ao lograr sete representantes nun comité de nove
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas o pasado venres en Kaefer, empresa situada en Cabanas que presta servizos de andamiaxe e calorifugado en diversas instalacións industriais, ao lograr sete representantes dos/as nove que se elixían. A CIG, que xa fora o sindicato máis votado no anterior proceso ao obter catro delegados/as, non só continúa mellorando os seus resultados senón que acada a maioría absoluta do comité.
Por colexios, no de persoal técnico, a candidatura da CIG obtivo 12 votos e unha representante, mentres que a lista da USTG obtivo 6 votos e un delegado.
No colexio de especialistas, onde se presentaban tres listas, a CIG foi a máis votada con diferenza, ao recibir 65 votos dun censo de 97, que se traducen en seis delegados/as. As candidaturas de USTG e CSIF tiveron oito e tres votos respectivamente, sacando un representante a USTG.
Para a CIG-Industria de Ferrol este gran resultado é froito do traballo sindical desenvolto nos últimos catro anos nos que, entre outras cuestións, se conseguiu que a empresa deixara de aplicar de maneira ilegal o convenio de construción e pasara a regular a todo o seu persoal polo convenio de siderometal da Coruña. Este cambio supuxo para os traballadores e traballadoras afectadas un incremento substancial dos salarios e unha mellora das condicións laborais.
A central nacionalista agradece a confianza que o persoal de Kaefer volveu depositar nas súas candidaturas e, coa enorme responsabilidade que implica ter a maioría absoluta do comité, reafirma o compromiso na defensa dos dereitos e a disposición a seguir traballando pola mellora das condicións laborais.