
A CIG obtén a maioría absoluta no comité de Exlabesa Extrusión Padrón a primeira vez que se presenta

A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas en Exlabesa Extrusión Padrón SL ao lograr 7 representantes dun comité integrado por 13 membros. Esta é a primeira vez que a central nacionalista consegue presentar candidaturas nesta empresa e, a pesar das manobras da dirección durante o proceso con ameazas e incluso despedimentos, a CIG foi a lista máis votada nos dous colexios ao recibir 198 papeletas dun total de 308 votos emitidos.
Por colexios, no de persoal técnico e administrativo, a CIG obtivo 82 votos (62,10%) e tres delegados/as, mentres que UGT tivo 46 votos (34,84%) e dous delegados. A lista de CCOO só recibiu catro votos polo que non conseguiu representación.
No colexio de especialistas e persoal non cualificado, a CIG recibiu 116 votos (54,71%) e catro representantes, mentres que a candidatura de UGT sacou 79 votos (37,26%) e tres delegados/as, e a de CCOO 17 votos (8,01%) e un representante.
Vontade de cambio na representación sindical
As delegadas e delegados da CIG e a federación de Industria da CIG de Compostela agradecen a todo o persoal de Exlabesa Extrusión a confianza depositada e destacan a elevada participación nestas eleccións, malia as presións da dirección “e a súa aposta desmedida polas outras candidaturas que se presentaban”. Valoran que o respaldo obtido pola CIG evidencia a vontade dun cambio na representación sindical que existía entre as traballadoras e traballadores.
A CIG-Industria subliña que nin as ameazas, as mentiras, as chantaxes e incluso os despedimento de traballadores/as que colaboraban coa candidatura da central nacionalista puideron evitar “este resultado histórico”, nunha empresa que conta con 400 persoas no cadro de persoal.
Neste punto, na primeira reunión que se manteña coa dirección da empresa reclamaráselle a inmediata reincorporación das persoas despedidas durante a campaña e o cese deste tipo de prácticas que atentan contra a liberdade sindical.
As e os delegados da CIG recoñecen que este resultado supón unha gran responsabilidade, mais prometer negociar coa empresa e traballar arreo para conseguir melloras nas condicións laborais para o conxunto do persoal de Exlabesa.