A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións sindicais no Hospital HM Modelo-Belén
A CIG-Saúde vén de gañar as eleccións sindicais celebradas no Hospital HM Modelo-Belén ao obter 10 delegadas/os das 17 que se elixían neste proceso. Deste xeito, a central nacionalista, que non tiña representación neste centro de traballo, acada a maioría absoluta do comité de empresa.
Para a CIG-Saúde este resultado responde á vontade do persoal de cambiar un comité que até agora estaba conformado unicamente por delegados e delegadas da UGT. Nas eleccións do pasado venres, as traballadoras e os traballadores evidenciaron a necesidade de mudar esta situación votando maioritariamente pola candidatura da CIG, que obtivo 197 votos fronte aos 126 que logrou a UGT.
Esta vitoria, sinala a secretaria comarcal da CIG-Saúde, María Formoso, supón un avance tamén fronte á patronal do sector, xa que actualmente a sanidade privada da Coruña se atopa en pleno conflito pola negociación dun convenio digno.
"En plena folga, a CIG demostra a forza social das traballadoras do sector que están fartas dos seus salarios miserentos, da elevada xornada laboral que teñen que realizar e que están dispostas a loitar por unas condicións dignas de traballo fronte a unha patronal aferrada ao recorte de dereitos e inmobilista na negociación deste convenio", salienta.
A CIG agradece a confianza depositada polas traballadoras e traballadores do hospital na súa candidatura e a aposta clara por un cambio de modelo na representación sindical. Este contundente resultado tamén supón unha enorme responsabilidade e por iso a CIG reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos e na loita pola mellora das condicións laborais do conxunto do persoal do sector.