A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións sindicais de Albada ao lograr sete representantes dun comité de nove

A Coruña - 23 Dec 2025

A CIG obtivo a maioría absoluta do comité de empresa de Albada ao lograr sete dos/as nove representantes que elixían nas eleccións sindicais celebradas no día de onte na planta de tratamento de residuos de Nostián. Con este resultado, a CIG non só afianza a súa condición de primeira forza, senón que consegue incrementar a súa representación ao pasar de cinco a sete delegados/as.

A candidatura da CIG logrou 75 votos fronte aos 16 obtidos por CCOO e os 6 que recibiu UGT, sacando unha persoa delegada cada unha destas centrais sindicais. 

Para a CIG, este excelente resultado responde á acción sindical desenvolvida nos últimos catro anos para a recuperación do convenio colectivo e constitúe un aval ao traballo feito en defensa dos dereitos laborais, dos empregos e pola propia viabilidade das instalacións.

O persoal tamén entendeu a necesidade de contar cun comité forte, con maioría da CIG, para poder afrontar con éxito a loita ante o retraso na publicación dos pregos de condicións, a negociación do seguinte convenio colectivo ou, no curto prazo, a negociación da paga de produtividade.

A CIG agradece a todas as persoas traballadoras de Albada a confianza depositada nas súas candidaturas e reafirma o compromiso na defensa e mellora dos dereitos laborais, pola continuidade da planta de Nostián e a implementación do modelo de recuperación e reciclaxe que representa.