A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións sindicais da empresa Crown Food de Ribadumia
A federación de Industria da CIG de Pontevedra vén de gañar con maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas na empresa Crow Food, con sede no polígono industrial de Ribadumia e dedicada á fabricación de envases metálicos para alimentación, ao obter 6 dos 9 delegados/as do comité.
Dende a CIG-Industria de Pontevedra explican que tras o proceso electoral que tivo lugar no día de onte, o comité de empresa queda integrado por 6 representantes da central grazas aos 115 votos obtidos pola súa candidatura, 2 de CCOO (que sumou 31 votos) e 1 dunha lista independente (17 apoios).
Tamén salientan que se trata da primeira vez en 12 anos que a CIG obtén representación na compañía. O anterior comité estaba formado por 6 delegados/as de CCOO, 2 da UGT e 1 da lista independente.
Dende a federación de Industria agradecen o contundente apoio amosado polo cadro de persoal de Crown Food -integrado por 194 persoas- á candidatura da CIG e aseguran que os representantes da central na empresa centrarán o seu labor nos vindeiros anos en defender os dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as.