A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións de Guidoni Quartz Surfaces ao obter 6 dos 9 delegados/as
A CIG conseguiu a maioría absoluta nas eleccións celebradas este mércores na fábrica de Guidoni Quartz Surfaces de Narón, que se dedica á fabricación de táboas compactas de seixo. A central nacionalista logrou 6 dos/as 9 representantes que se escollían para o comité e considera que este resultado é unha clara resposta do cadro de persoal á política de precarización e medo aplicada pola dirección.
No Colexio de Especialistas (o único ao que a CIG presentou candidatura), a central nacionalista conseguiu 6 delegados/as ao recibir 74 votos, mentres que a lista de CCOO sacou 8 votos e 1 representante. No Colexio de Técnicos/as, no que só presentou candidatura a UGT, esta tivo 14 votos e os 2 representantes en liza, aínda que hai que destacar que houbo 10 votos en branco e 1 nulo.
A Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol subliña o valor deste espectacular resultado nunha empresa na que cada tres meses se producen despedimentos sen causa obxectiva (sobra carga de traballo e o persoal traballa a ritmos elevados), e que "son unha mera escusa para seguir a precarizar as condicións laborais e intentar amedrentar o cadro de persoal".
Por iso, para a FCM-CIG estas eleccións tamén reflicten o rexeitamento da maioría dos traballadores e traballadoras a estas prácticas da empresa de despedimentos continuados e falta de respecto polos dereitos laborais. Neste senso, a CIG reafirma o seu compromiso para traballar dende o comité por mudar esta situación e defender os dereitos e a mellora das condicións de todos os traballadores e traballadoras.