A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións celebradas en Hércules de Armamento
En canto ao resultado por colexios, no de Técnicos/as, a CIG –única central que presentou candidatura- obtivo as dúas representantes que se elixían. Cómpre destacar que as dúas persoas que encabezan a lista eran mulleres o cal supón que, por primeira vez na historia da Fábrica de Armas da Coruña, o Comité de empresa terá representación feminina.
No Colexio de Especialistas, onde se elixían sete representantes, a central nacionalista obtivo catro delegados/as mentres que CCOO conseguiu tres.
A CIG-Hércules de Armamento quere agradecer á totalidade do cadro de persoal a confianza depositada nas candidaturas da CIG e xa adiantou que “intentaremos impulsar dinámicas participativas no Comité de empresa, e traballaremos co obxectivo de que o mesmo actúe co máximo grao de unidade posíbel para así fortalecer a defensa dos intereses de todo o cadro de persoal”.
Ao finalizar o proceso, os recén elixidos delegados e delegadas pola central nacionalista amosaban a súa satisfacción polo resultado: “ademais da nosa maioría no Comité, os resultados tamén avalan a nosa liña sindical de asemblearismo, información e asesoramento ao cadro de persoal e traslado á empresa de toda canta problemática laboral vaia xurdindo”. Neste sentido engaden que “loitaremos para que, unha vez clarificada e estabilizada a situación da empresa, se regularice a xornada de traballo de todo o persoal”.
Ao tempo, a representación da CIG salienta que “aparte de satisfacción, o resultado tamén xera un gran sentido da responsabilidade para estar á altura do grado de confianza que as traballadoras e traballadores depositaron en nós”.
Nos vindeiros días constituirase formalmente o Comité de empresa, procederase á escolla dos cargos e á aprobación do regulamento que rexerá o funcionamento do mesmo nos vindeiros catro anos.