A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións ao comité de Bershka na provincia da Coruña
A CIG gañou e obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas no día de onte en Bershka, ao lograr cinco das nove delegadas que integrarán o comité da Coruña. Con este resultado, a CIG acada a maioría absoluta da representación en todas as cadeas do grupo Inditex na provincia da Coruña, xa que até agora neste comité era UGT quen tiña a maioría.
Por colexios, no de persoal técnico, a candidatura da CIG logrou 38 votos e 2 delegadas mentres que a lista de UGT sacou 18 votos e 2 representantes. No Colexio de Especialistas, a central nacionalista conseguiu 38 votos e 3 delegadas, mentres que a candidatura de UGT recibiu 20 votos e 2 delegadas.
A CIG-Servizos destaca a elevada participación neste proceso electoral e a clara aposta das traballadoras polo modelo de sindicalismo combativo, participativo e reivindicativo que representa a CIG. Estes resultados referendan a acción sindical desenvolvida pola central nacionalista neste período, sobre todo a decisión de iniciar mobilizacións o pasado ano nas tendas, grazas ás que se conseguiu mudar as condicións laborais e mellorar de maneira substancial as condicións salariais das dependentas.