A CIG obtén a maioría absoluta na fábrica de Hijos de Rivera (Estrella Galicia) en Arteixo

A central nacionalista conseguiu sete representantes dun comité de nove
A Coruña - 24 Mar 2025

A CIG obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas na fábrica que Hijos de Rivera (Estrella Galicia) ten no Polígono de Morás (Arteixo) ao lograr sete representantes dos/as nove que estaban en liza. A candidatura da CIG, que só presentou lista de colexio de especialistas e persoal non cualificado, recibiu 84 votos dun censo total de 110 persoas, mentres que a candidatura da UGT levou 14 votos no colexio de persoal técnico e administrativo, dun censo de 23 persoas.

Deste xeito, a CIG quitou sete delegados e delegadas -fronte aos dous obtidos pola UGT- e o respaldo do 92% do cadro de persoal de fábrica. A FGAMT-CIG da Coruña agradece a confianza e o apoio dado polos traballadores e traballadoras da planta de Morás e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos e na mellora das condicións laborais.

Neste punto, os delegados e delegadas explican que traballarán para conseguir que a empresa informe das quendas con maior antelación, que as persoas contratadas ao 75% da xornada pasen a xornada completa, que se avance na equiparación de condicións coas que existen na fábrica da Agrela -no obxectivo de ter o mesmo convenio-, lograr melloras en materia de seguridade ou fomentar os procesos de información, consulta e participación de todo o persoal.

Con resultado destas eleccións, a CIG consolida a súa presenza no grupo Hijos de Rivera, xa que a central nacionalista tamén é primeira forza no comité da fábrica matriz da Coruña. A planta de Morás comezou a funcionar hai seis meses e dedícase á produción de cervexa.

A FGAMT-CIG entende que esta maioría absoluta é consecuencia e avala o traballo sindical realizado até agora na planta da Agrela. Pois dende que a CIG entrou no comité conseguíronse melloras en materia de conciliación (adaptación da xornada, aumento lactación), un permiso de 24 horas para acompañar a familiares, incrementar o tempo de preaviso de quendas (pasando dos 15 días ás 12 semanas de preaviso), que todos os traballadores e traballadoras teñan opción de coller as vacacións no verán, ou que o persoal teña opción de elixir entre os diferentes horarios.  


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.