A CIG non será avalista da imposición ditatorial da Xunta no conflito da xustiza
A CIG reitera que non será avalista da imposición por parte da Xunta de Galiza da proposta pactada de costas ás traballadoras e traballadores da xustiza. Así o manifestou esta mañá na Mesa Sectorial que a Consellaría convocou coa pretensión de concluír a través deste ámbito o conflito no sector, tras pasar tres meses menosprezando e desoíndo as demandas do persoal e boicoteando calquera posibilidade de iniciar unha negociación real e de boa fe no seo do comité de folga.
Na xuntanza deste mércores, a representación da CIG recalcou que o foro legal "é o comité de folga" ao seguir o paro convocado, e reclamouse que se negocie sobre o documento presentado por todas as centrais sindicais na mesa do 19 de abril, toda vez que a proposta argallada entre a Xunta e catro sindicatos foi rexeitada en urna polas traballadoras e os traballadores.
Pola súa banda, a administración, a pesar de pedir durante semanas que se sometera a referendo a súa proposta e "de ser convocante, xunto cos catro sindicatos mansos, da votación do día 27 de abril, segue sen recoñecer o seu resultado". Esta postura, lamentan dende CIG-Xustiza, tamén é compartida pola UGT.
Como colofón ao despropósito que supón tentar atallar este conflito nunha Mesa Sectorial, "a administración ratifica a súa postura inicial, non acepta ningún cambio, dá a folga por rematada coa proposta pactada ás costas do persoal e deixa pendente a súa aceptación ou non por parte das organizacións sindicais ate o vindeiro venres ás 14:00 horas".
A CIG actuou sempre con lealdade e coherencia
CIG-Xustiza lembra que se o conflito chegou a unha situación sen saída foi a causa da traizón das organizacións sindicais que negociaron ás agochadas coa administración un principio de acordo, que os traballadores e traballadoras invalidaron nunha votación organizada e controlada por esas mesmas centrais que despois non aceptaron o resultado.
A CIG foi o único sindicato que actuou en todo momento con lealdade ao comité de folga, mantendo unha postura coherente e respectuosa coa vontade expresada polos traballadores e traballadoras nesa votación. Trasladar a negociación agora á Mesa Sectorial -cando se podería ter recorrido ao laudo arbitral, tal e como propuxo a CIG-, supón "unha deslealdade, unha fraude e un insulto aos traballadores e traballadoras que secundaron masivamente a folga" durante tres meses.
Tal e como quedou demostrado hoxe, acreditar nunha Mesa Sectorial para resolver satisfactoriamente as demandas laborais deste colectivo supón avalar a Xunta para que continúe secuestrando a negociación colectiva e impondo recortes ao seu antollo. Non cómpre perder de vista que a propia Xunta manifestou que se sente "liberada da parte sindical" e que a resposta que se lle traslade até o venres non será vinculante para impoñer a súa proposta sen nova convocatoria de mesa de negociación.
A CIG non vai participar como avalista desta imposición ditatorial.