A CIG non irá á xuntanza convocada este venres polo reitor da USC por considerar que é propagandística
Entre eses feitos “inadmisibles” que se tiñan que tratar tanto na mesa de negociación sindical do PDI, como nos correspondentes ámbitos de negociación de PAS funcionario e PAS laboral, a sección sindical da CIG da USC sinala: que se teñan acordado calendarios e programas de traballo que non están sendo cumpridos; que se amorticen prazas da RPT de PDI, ou se desdoten orzamentariamente outras nas RPT de PAS laboral e funcionario, sen cumprir cos procedementos establecidos; que se aproben ofertas de emprego e modificacións da RPT sen negociar, como as últimas do PAS laboral; que se executen precipitadamente reformas, como a fusión de departamentos, e que as súas consecuencias sobre o PAS funcionario se resolvan á présa e correndo sen a adecuada información e sen a correspondente negociación, entre outras.
A isto a CIG engade que existe un Consello de Participación Sindical, posto en marcha durante o actual mandato, que “sería o instrumento adecuado, no caso de querer convocar a PDI e PAS conxuntamente para calquera información-negociación”.
Manobra de propaganda
Por iso non entenden que se prescinda del para, no seu lugar, “convocarnos a esta xuntanza informativa, informal e unidireccional” a todos os efectos, da cal se dá ampla difusión nos medios antes mesmo de confirmar a súa realización. “Fai que nos resulte imposible non considerar que esta convocatoria só pode entenderse como unha manobra de propaganda, inadmisible sempre, pero máis neste contexto de negociacións incumpridas e de órganos infrautilizados”.
Consideran, fronte a isto, que o procedente nestas circunstancias sería realizar unha convocatoria dalgún dos órganos conxuntos PAS-PDI, ou de cada un dos órganos representativos existentes, e coa maior rapidez posible, para poder abordar todas estas cuestións.
Por iso reiteran a súa negativa a asistir a esa reunión informativa, pero adiantan a súa total disposición a asistir a todas as reunión dos órganos competentes que se convoquen que teñan como obxectivo traballar na planificación da política de persoal na USC. Reunións que “permitan achegas construtivas, negociacións e acordos satisfactorios para tódalas partes”.