A CIG non avalará unha proposta para Thenaisie que manteña con cartos públicos a Scandia Food na dirección
A CIG compareceu este luns en rolda de prensa para rexeitar a proposta para Thenaisie Provoté formulada pola Consellaría de Industria que consistiría en manter á fronte da dirección ao grupo Scandia, mais inxectando cartos públicos a un proxecto que xa se demostrou fallido. Este novo xiro no conflito dáse pola actitude obstaculizadora da Xunta de Galiza que provocou que o empresario Alfonso Caneiro retirara a oferta de compra da conserveira a pasada semana ante a falta de apoio e de avances para desbloquear as negociacións da venda co grupo romanés.
Tras coñecerse a decisión do empresario galego, a Consellaría informou á representación sindical que ía convocar para mañá martes a dirección de Scandia Food para proporlle que siga á fronte de Thenaisie ofrecéndolle financiamento a través do IGAPE e o mércores trasladaría ao comité o resultado desa reunión. Diante disto, Rosa Abuín, responsábel da FGAM-CIG no Salnés xa adiantou "que a CIG non avalará unha proposta con cartos públicos para manter á fronte a quen levou a conserveira ao desastre cun proxecto fracasado".
Neste senso, Abuín lembrou que foi a nefasta xestión de Scandia Food a que provocou a insolvencia da histórica conserveira do Grove e que estea nun concurso de acredores intencionado. Ademais, o grupo empresarial, con centro de decisión en Romanía e que evidenciou ter un nulo coñecemento do sector, é o responsábel directo de que Thenaisie perdera toda a carteira de clientes, xa que dende Scandia se cominou á clientela a buscar outros provedores.
Falta de apoio da Xunta ao tecido produtivo galego
"É dicir, todo o que vimos denunciando que nos levou á situación actual, agora a Xunta pretende avalalo inxectándolle cartos públicos", denuncia Abuín. Para a representante sindical o máis grave é que exista unha proposta dun empresario galego (que o propio conselleiro cualificou de solvente e viábel) interesado en manter a actividade e os empregos e que dende a administración se obstaculice que este proxecte saia adiante, mentres "facilitan a deslocalización dos nosos sectores produtivos".
A CIG entende que con esta actuación o único que fai o Goberno galego "é sumarse á estratexia de boicot e bloqueo que mantida dende o inicio polo despacho Garrigues (que asesora a Scandia), co obxectivo de levar a empresa á liquidación deixando polo camiño 125 postos de traballo". Pois, reiterou Rosa Abuín, a formulación que a Xunta vén de facer non ten ningunha garantía de viabilidade nin de futuro.
Abuín tamén criticou a "desaparición" do conselleiro de Industria, con quen o comité só puido manter unha reunión en plena campaña electoral. Nese encontro, salienta, Conde asegurou que a Xunta ía apostar pola oferta de Caneiro e traballar para desbloquear o proceso de venda, "mais tan só uns días despois das eleccións atopámonos con que agora nos presentan unha proposta inviábel que dá credibilidade a Garrigues, a quen o que lle interesa é que o concurso vaia para adiante porque aí é onde teñen o negocio".