A CIG non asumirá un plan industrial para Ferroatlántica Sabón que supoña a escisión da planta do resto do grupo
Os delegados da CIG na fábrica de Ferroatlántica de Sabón abandonaron esta mañá a reunión que a empresa tiña convocada para negociar un "plan industrial" de melloras, xa que pretende condicionar as posíbeis inversións a que o persoal acepte a escisión da fábrica de Sabón da unidade industrial, avanzando así na operación de venta das fábricas e centrais da Costa da Morte. A sección sindical da CIG non vai avalar esta manobra nin negociará ningún acordo mentres a Xunta non se pronuncie sobre a legalidade da operación e mentres a empresa non presente un plan de viabilidade conxunto, como fixo no ano 1992 cando o Grupo Villar Mir adquiriu os activos de Carburos Metálicos.
Neste senso, os delegados da CIG subliñan que en tanto non dean estas circunstancias non van entrar a valorar ningún plan industrial "porque iso sería darlle unha coartada a empresa para levar a Xunta un acordo favorábel aos seus intereses". Aseveran que as melloras nas instalacións de Sabón non poden estar condicionadas a que se escinda a fábrica do resto do grupo Ferroatlántica SAU, xa que con esta manobra Villar Mir só busca facilitar que a Xunta lle autorice a venta do complexo industrial e enerxético da Costa da Morte. Non obstante, subliñan que todas as fábricas constitúen unha unidade industrial vinculadas entre si.
A sección sindical da CIG subliña que o proceder de Ferroatlántica é semellante ao que seguiu no ano 2017, cando tentou que o Goberno lle autorizara a segregación e venda das centrais hidroeléctricas e para isto forzou á representación social a asinarlle un acordo de inversións que nunca chegou realizar. "Como quedou demostrado daquela, os proxectos e as negociacións da empresa son unha pantomima e o seu único obxectivo segue a ser a venda das centrais", advirten.
A este respecto, critican que Ferroatlántica non só non cumpriu con ese famoso plan de inversións senón que mesmo desmantelou o proxecto FerroSolar que estaba a desenvolver en Sabón e neste momento hai un ERE temporal sen executar para as fábricas e dous fornos sen actividade en Arteixo.