A CIG non asinará o convenio de elaborados do mar ao non contemplar melloras sociais nin en materia de prevención
A asemblea de persoas delegadas da CIG no sector de produtos elaborados do mar celebrada onte en Pontevedra decidiu non asinar o convenio colectivo estatal pactado por CCOO e UGT coa patronal ao non contemplar melloras de tipo social nin en materia de prevención en saúde e seguridade laboral. O acordo renuncia tamén á terceira paga extraordinaria demandada polos cadros de persoal e establece un tope do 1% para a cláusula de revisión salarial a IPC.
Dende a FGAMT-CIG denuncian que o preacordo ratificado polo empresariado e os sindicatos estatais limítase a unha suba salarial “insuficiente” e a unha redución de xornada "escasa", deixando fóra unha serie de cuestións que a central sindical considera urxentes. Como a terceira paga extra, melloras de tipo social como licenzas e permisos para acompañamento médico de menores, a creación dunha comisión de prevención en saúde e seguridade laboral ante o incremento das enfermidades profesionais ou o cumprimento do acordo de hai catro anos a respecto dos carretilleiros.
Mais o preacordo fixa unicamente un incremento de soldos do 5,20% para os grupos 1, 2 e 3 e do 4,5% para o resto de grupos en 2026; e do 4% para todos os grupos en 2027; mentres que para 2028 e2029 a suba será do IPC do ano anterior máis un 1%. A suba salarial do 4% en 2025 xa foi aplicada con anterioridade, quedando o resto de cuestións para negociar posteriomente, algo que a CIG denunciara e contra o que se chegou mobilizar. “O tempo deunos a razón, porque finalmente CCOO e UGT pecharon o convenio renunciando a todas as melloras que reivindicaban sobre o papel”, sinalan dende a CIG.
Ao mesmo tempo, establécese unha “revisións salarial trampa” para os anos 2026 e 2027: se o IPC é máis alto que o incremento de soldos estará topado no 1% e non pagarán atrasos. O que si se incorpora é ás táboas do ano seguinte. “Isto vai supoñer unha perda de poder adquisitivo porque renuncian a unha mellora económica substancial, tanto de soldos como de pluses”. En canto á redución de xornada, na central sindical lamentan que sexa unicamente da catro horas en 2027 e doutras catro en 2028.
Acordo “pasteleado”
A FGAMT-CIG rexeita tanto as formas como o fondo do acordo, xa que a seu proceso de negociación supuxo un “desprezo” á representación maioritaria da CIG no sector en Galiza. En canto ao fondo, censuran que se trata dun convenio continuísta no que os sindicatos estatais renuncian ás esixencias expresadas inicialmente e que contempla unicamente unha suba salarial insuficiente e unha redución de xornada escasa”.
Na central lembran que dende que o anterior convenio rematou (o 31 de decembro de 2024), a patronal impediu que se puidese levar unha negociación “normal”, optando por atrasar o proceso con suspensións de xuntanzas e incumprindo o acordo de manter reunións en Madrid e en Vigo “co silencio cómplice de CCOO e UGT”.
Isto fico que a CIG convocase asembleas e mobilizacións, optando o empresariado e os sindicatos estatais por asinar unha revisión salarial o verán pasado co compromiso de negociar o resto de cuestións antes de final de ano. Mais deixaron que o tempo fose pasando sen encontros, até que se retomaron este 2026. Dende xaneiro celebráronse dúas xuntanzas, “e na segunda, que tivo lugar este martes día 10, xa chegaron a un acordo en media hora porque o traían pasteleado por detrás aínda que intentaran facer o teatrillo de sempre”.