A CIG non asinará acordos que non garantan a recuperación de dereitos laborais do persoal público
A Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, convocada este xoves para aprobar as cuestións relativas a condicións laborais e salariais dos empregados/as públicos/as -para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018-, quedou adiada para a semana que vén malia o Goberno do PP ter avanzados acordos con CCOO, UGT e CSIF á marxe do organismo. Dende a CIG xa adiantaron que non asinarán ningunha proposta que non contemple a recuperación dos dereitos que lle foron arrebatados ao funcionariado dende 2010.
Na Mesa, as organizacións sindicais recibiron como xustificación deste atraso que cunha semana máis se pode seguir mellorando o acordo. Ademais entregouse un novo documento e convidouse aos sindicatos con representación na mesma a estudalo e presentar propostas.
Ao comezo da xuntanza a representante da Área Pública da CIG, Maricarme López Santamariña trasladou á Secretaria de Estado a denuncia polas negociacións que se veñen desenvolvendo con CCOO, UGT e CSIF á marxe da Mesa Xeral, excluíndo a outras organizacións sindicais que, como a CIG, contan con representación na mesma. Negociacións que a Secretaria de Estado tratou de xustificar argüíndo que se desenvolveron no marco dunha comisión creada coas organizacións asinantes do anterior acordo.
López Santamariña apuntou ademais que ao incio da xuntanza o representante do CSIF “tivo unha intervención esperpéntica trasladando a Mesa e o Ministerio a súa solidariedade cos funcionarios/as cataláns que están pola defensa da unidade de España e do ordenamento xurídico español”.
A portavoz da Área Pública explica que o acordo contempla cuestións relativas a condicións laborais, pero deixa á marxe o referido a retribucións. “Entendemos que forma parte desa escenificación, porque van apoiar o documento do goberno pero amosar oposición no que respecta ás retribucións, para que esa posición lles sirva como lavado de cara”.
Con todo, a Área Pública da CIG xa manifestou a súa decisión de non apoiar ningún acordo que non contemple a derrogación dos Decretos-Lei impostos ao persoal das Administracións públicas desde o ano 2010, entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria para a corrección do déficit público; e RD-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade.
Isto xunto con todos aqueles decretos impostos polo Goberno español relativos a reformas laborais, reforma da negociación colectiva, modificacións das pensións e demais recortes das condicións laborais e salariais que afectan ao conxunto da clase traballadora.
A Área Pública da CIG exixe tamén a restitución de todos os dereitos laborais e salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100% do salario en situación de IT, fondo social, etc) que lle foron arrebatados ao persoal empregado público desde o ano 2010.
Taxa de reposición
A proposta que se baralla contempla manter taxas de reposición , o que para a CIG “sentenza aos sectores produtivos a seguir perdendo persoal” . De feito limítase ao 100% para sectores prioritarios tal e como se aprobou no 2017 e pasa do 50 ao 75% nos sectores considerados non prioritarios, Iso si, nos ámbitos de seguridade cidadá (policía nacional, local…. ) será do 115%.
A intención do goberno é que cada administración poida dispoñer dun 5% adicional a engadir ás taxas xénericas que se aproben, para calquera dos sectores que cada administración estime conveniente. Con todo “néganse a aprobar a nosa demanda de restitución da capacidade de decisión das comunidades autónomas sobre a xestión do seu cadro de persoal. Lonxe disto, centralízase aínda máis”.
Establécese, xunto a isto, unha taxa de reposición especial – sen definir- para a dotación de interventores na administración local.
Estabilización do persoal
A proposta da administración fala dunha taxa de reposición adicional, que non se podería considerar como tal e que sería xeral para todos os ámbitos, que non computará na taxa xenérica de reposición. “Sería algo así como ampliar algo o texto e liña de actuación do último acordo que asinaron coas centrais sindicais sobre a estabilización do persoal das administracións públicas”.
A CIG-Área Pública chama a atención sobre esta cuestión porque se están vendendo estes procesos de estabilización de emprego, como un aumento de emprego público. “Non é verdade porque o único que se pretende con isto é cumprir as sentenzas europeas referidas á precariedade que padece o persoal das administracións públicas. Unha situación a que están máis dun 40% dos traballadores/as que teñen un contrato eventual, interino ou por horas ou días”, denuncia López Santamariña.
Retribucións
A proposta de incremento salarial, que non vai incluída no acordo cos sindicatos CCOO, UGT e CSIF contempla un incremento fixo para tres anualidades do 1,5% para 2018; do 1,75% para 2019 e do 2% para 2020, xunto cunha parte variábel que estaría condicionada ao PIB de cada ano que consistiría nun 0,25% e un 0,50% adicionais se se cumpren as previsións.
Para a Área Pública esta medida é inaceptable nun contexto de incremento de prezos e produto interior bruto por enriba do 3%. “Non se propoñen medidas de ningún tipo para recuperar o poder adquisitivo perdido durante estes anos, que en conxunto se poden cifrar nun 27% para o persoal que traballa para a Administración do Estado e nun 38,7% para o persoal que traballa no ámbito da administración da Xunta de Galiza”, sinala a portavoz da CIG que advirte ademais que “as diferenzas salariais e de condicións económicas entre o persoal das distintas administracións continuará sen converxer, sendo discriminatoria a carga da perda adquisitiva que sufrimos os traballadores das administracións polo só feito de traballar para unha administración ou para outra”.
A representante da CIG é contundente sinalando que “nos parece unha tomadura de pelo que aos traballadores e traballadoras das administracións públicas se nos fale de recuperación económica, tendo en conta todo o que perdemos nestes anos”.
INDICE DE EVOLUCIÓN DO IPC E SUBA SALARIAL NOS ÚLTIMOS 7 ANOS (1-1-09 a 31-12-16)
ANO |
IPC GALIZA |
IPC ESTADO |
SUBA SALARIAL |
DIF GZ |
DIF ESTADO |
2009 |
0,8% |
0,9% |
2% |
1,2% |
1,1% |
2010 |
3% |
3,1% |
-5% |
-8% |
-8,1% |
2011 |
2,4% |
2,5% |
0% |
-2,4% |
-2,5% |
2012 |
2,9% |
2,6% |
-7% |
-9,9% |
-9,6% |
2013 |
0,3% |
0,5% |
-4% (Autonómica) |
-4,3% |
-0,5% |
2014 |
-1% |
-1% |
0% |
1% |
1% |
2015 |
0,% |
-0,2% |
0% |
0,0% |
0,2% |
2016 |
1,6% |
1,6% |
1% |
-0,6% |
-0,6% |
TOTAL |
10 |
10 |
-13 |
-23 |
-19 |
Fonte: INE e Orzamentos Xerais do Estado e da Xunta de Galiza dos anos correspondentes.