A CIG-Área Pública non asina un macro acordo que vincula a suba salarial ao PIB e non garante recuperar dereitos nin servizos
A Xunta convocou este xoves a Comisión de Persoal para escenificar a sinatura dun macro acordo de emprego que supón a transposición do último acordo asinado en Madrid, sen recoller ningunha mellora laboral, nin salarial (por primeira vez na Galiza líganse os incrementos ao PIB), nin garantir a recuperacións dos servizos públicos. Ademais de presentarse sen tempo para a súa análise, o documento mestura cuestións sectoriais de diferentes ámbitos como a carreira profesional na administración xeral, a funcionarización do persoal laboral ou a oferta de emprego público, que deberan ser abordadas de maneira separada.
A CIG non asina esta Acordo de Mellora do Emprego Público porque non está disposta a seguir a chantaxe da Xunta e das organizacións sindicais CCOO e UGT, partícipes deste xogo, "que serve para vestir malos acordos sectoriais como a carreira profesoinal" con puntos xa votados en comisión de persoal, recollidos no acordo asinado en Madrid e incluídos na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de Galiza para 2019. "É dicir levan á Mesa Xeral propostas pechadas e que o Goberno galego xa aprobou, polo que non entendemos nin ás présas, nin o paripé desta xuntanza", valora Zeltia Burgos, que acudiu á comisión en representación da Área Pública da CIG.
Burgos xa adiantou que a CIG se reserva a posibilidade de recorrer o acordo tanto polas formas (Función Pública entregou o documento final unha hora antes da súa votación) como polo persoal ao que afecta, que ten as súas propias mesas e ámbitos de negociación. Xunto a isto, advertiu que este macro acordo "de concertación social" provocará que exista unha única comisión de seguimento na que só participarán as organizacións asinantes e que usurpará materias de negociación reservadas ás mesas sectoriais ou á mesa xeral.
Revisión salarial ligada ao PIB
No relativo ao aspecto económico, este Acordo de Mellora do Emprego Público recolle subas salariais "ridículas" para o persoal das Administracións públicas, que na vez de estar indexadas ao IPC aparecen ligadas ao PIB, reproducindo o acordado en Madrid, que a CIG non apoiou. Esta é unha das razóns polas que a CIG non asina o documento, xa que "a Administración non pode ser o referente que sirva para cambiar o concepto de revalorización dos salarios no ámbito da negociación colectiva no sector privado".
Dende a Área Pública do sindicato nacionalista critican que as porcentaxes de incremento estimadas son insuficientes para garantir a recuperación do poder adquisitivo perdido polo persoal tras anos de recortes e conxelación, como neste 2018 onde xa se perde un 0.8%, e que a Xunta nin sequera aceptou introducir unha cláusula de revisión se o IPC se dispara. Pola contra, si establece a posibilidade de que os fondos adicionais sexan destinados a plans privados de pensións, algo que a CIG rexeita de plano.
Tampouco se contempla a redución da xornada laboral ás 35 horas semanais nin a ampliación do permiso de paternidade. Si se contempla o 100% nas IT, que xa fora aprobado. "É un refrito de acordos anteriores e en todo caso, matiza Burgos, deixa todas as melloras salariais a expensas da suposta dispoñibilidade orzamentaria".
Taxa de reposición insuficiente
Segundo o acordo tamén se mantén a taxa de reposición, que resulta insuficiente para recuperar todo o emprego destruído e para recuperar e garantir uns servizos públicos de calidade. Con esta taxa de reposición tampouco se evita que continúen as externalizacións ou privatizacións das tarefas en base ao alto volume de traballo.
A carreira profesional e a funcionarización afondarán na fenda salarial
No relativo á carreira profesional, que CIG pediu negociar por separado, Zeltia Burgos advertiu que os prazos para a consecución dos graos son maiores que na carreira do SERGAS e que deixa fóra a parte do persoal funcionario das escalas sanitarias e ao persoal laboral que non se funcionarice ou non pase o proceso. Porén, o máis grave radica en que, tal e como está formulada, esta carreira profesional xerará grandes diferenzas retributivas entre o persoal, xa que as contías polos graos van dende os 743 euros anuais para as agrupacións profesionais até os 2.400 euros/ano que cobrarían os corpos superiores; afondando así na fenda salarial que xa se dá na Administración.
Sobre o proceso de funcionarización, Burgos subliñou que a CIG defende un marco xurídico único para todo o persoal da Xunta, pero o proceso aprobado neste acordo "traerá discriminacións retributivas no futuro e divide ao persoal de tal maneira que haberá traballadores/as de 1ª e traballadores/as de 2ª", ademais de que non se garanten os dereitos laborais recollidos no V Convenio Único. Criticou que non se aceptaran as propostas presentadas pola central nacionalista e que se faga primeiramente a funcionarización e despois o concurso xeral de traslados e a estabilización do persoal, "cando debera ser ao revés".
Oferta de emprego público ridícula
Neste macro acordo inclúense a OPE 2018 e as bases marco para OPE 2019 e 2020, que a representante da CIG cualificou de "ridículas", xa que só inclúen pouco mais de 500 prazas de acceso libre "que non permiten recuperar os miles de empregos perdidos na última década" e que non permiten o mantemento duns servizos públicos de calidade para Galiza. Ademais, seguen sen definir o número de prazas e para que escalas, tanto no acceso libre como na estabilización e funcionarización.