A CIG non asina o preacordo de Alcoa porque non garante o mantemento dos empregos nin que se reinicie electrólise
A CIG non asinou o preacordo acadado esta madrugada entre a representación social e a dirección de Alcoa porque non garante de maneira clara a reactivación das series de electrólise e porque obriga a pactar xa as condicións dos despedimentos. A CIG mantivo dende o primeiro día unha posición totalmente contraria ao peche das fábricas formulado por Alcoa e asumiu até o final o mandato da asemblea de traballadores/as de non pactar nin despedimentos nin a parada das series se non se ofrecían garantías claras para volver arrancar as cubas.
O delegado da CIG en Alcoa, Julio Moskowich explica que "rexeitamos este acordo porque se fundamenta nos despedimentos que a data 1 de xullo terían lugar inequivocamente e porque vai contra a decisión da asemblea coa que acudimos ás reunións de Madrid, baseada en que calquera alternativa tiña que pasar pola garantía do emprego e non asumir ningún despedimento. Pero ademais, non está garantido que volvan arrancar as cubas de electrólise (Alcoa desbotou de plano esta posibilidade) nin existen propostas certas neste sentido por parte do Goberno".
O mantemento dos empregos, a expensas das alternativas do Goberno
Deste xeito, este preacordo deixa toda posibilidade de mantemento dos empregos e retomar a actividade produtiva nas propostas que poida pór en marcha o Goberno español, nomeadamente o Ministerio de Industria, con quen o resto da representación social mantivo un encontro este mércores. Neste punto, non cómpre esquecer que a única alternativa formulada polo departamento de Reyes Maroto até agora limitouse a asumir o plan de peche de Alcoa, nun prazo de seis meses.
A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril subliña que se asinou o preacordo sen que exista "ningún compromiso real de buscar unha solución para manter os postos de traballo e a produción nas fábricas. Nin hai certeza de que apareza un inversor nin o Goberno ten amosado vontade para asumir, como solución ponte, a titularidade das plantas. Por iso, en coherencia co defendido nestes dous meses polo persoal -e que foi o que se demandou na multitudinaria manifestación deste domingo na Coruña-, a CIG non pode subscribir este preacordo", asevera.
Carril apunta ao feito de que a asunción por parte do Goberno español do plan de peche de Alcoa é contrario ás súas propias medidas neste conflito, xa que, polos prazos que se manexan, a multinacional poderíase beneficiar das axudas recollidas no Real Decreto 20/2018 de medidas para a industria electrointensiva, aínda que unha das condicións recollidas nese decreto é manter os postos de traballo e a actividade. "É dicir, ademais de avalar o plan de Alcoa, poderíase estar financiando con cartos públicos o peche das fábricas da Coruña e Avilés", alerta.
Afóndase no desmantelamento industrial de Galiza
A CIG, na súa condición de non asinante do preacordo, mais tamén por estar expresamente excluída por CCOO, non puido participar na xuntanza deste mércores no Ministerio. Fica agora nas mans do Goberno español lograr unha solución seria e con garantías de mantemento do 100% dos postos de traballo. Do contrario estaríase afondando a pasos axigantados no desmantelamento industrial de Galiza, que vai camiño de se converter nun verdadeiro deserto industrial, á vista das ameazas de EREs en Ferroatlántica ou do peche inminente da central de Meirama anunciado onte por Naturgy.
Que nun país como Galiza, gran produtor e exportador de enerxía, poida pechar unha fábrica como Alcoa ou presentarse EREs en industrias electrointensivas como Ferroatlántica por non ter un prezo da electricidade competitivo "demostra a necesidade de termos máis capacidade para decidir sobre os nosos recursos para que se recoñeza que a capacidade de produción de enerxía en Galiza ten que reverter no noso desenvolvemento económico e social e impedir que as empresas pechen", afirmou Carril.
Para a CIG, o drama que se está vivir nestes momentos nas industrias electrointensivas evidencia tamén a necesidade urxente de derrogar a reforma laboral para evitar que sexan as empresas as que teñan o poder absoluto para decidir despedimentos, sen ningún control da Administración e da autoridade laboral.