A CIG non asina o informe de conclusións da comisión de investigación do accidente na refinería da Coruña
Este mércores, 11 de maio, quedaba pechada a comisión de investigación interna aberta tras do accidente ocorrido na refinería da Coruña o pasado 26 de marzo durante os traballos na parada de HDT. A sección sindical da CIG non asinou o informe feito pola empresa, ao entender que é incompleto e para nada concluínte, xa que "non se afonda nas causas estruturais que provocaron o accidente e só se poñen de manifesto os erros humanos sen asumir por parte da empresa que é o que provoca esta toma de decisións".
Para a sección sindical da CIG queda neste documento de conclusións queda patente a falta dun seguimento exhaustivo na formación impartida ás empresas auxiliares, descargando a responsabilidade da maior parte dos incumprimentos sobre o persoal delas.
Neste senso, advirten que a continua redución da estrutura de persoal da refinería da Coruña agrava, cada día que pasa, os problemas que veñen derivados da falta do persoal necesario para levar a cabo e dar cobertura a todos os traballos que xorden en períodos punta, como pode ser o caso dunha parada dunha unidade.
No relativo a actuación dos servizos médicos nas emerxencias, a representación da CIG segue a reclamar un cambio no protocolo de avisos ao 061 ou ben unha dotación que estea dispoñíbel as 24h do día e a dotación dos recursos suficientes para atender de maneira eficaz e rápida nos primeiros momentos dun accidente.