A CIG rexeita o convenio do Transporte de Mercadorías pontevedrés ao non mellorar as condicións laborais
A FGAMT-CIG optou por non asinar o convenio provincial de Pontevedra do Transporte de Mercadorías por Estrada porque non se traducirá nunha mellora das condicións laborais dos traballadores/as. Dende a central acusan a CCOO e UGT de “comprar” o discurso da patronal, que botou man da escusa da pandemia para lograr un acordo do que é a única beneficiada “a pesar de que o traballo no sector aumentou coa covid”.
O pacto entre o empresariado e os sindicatos estatais que tivo lugar a finais de xullo establece unha duración de tres anos (2020/21/22) e un incremento salarial unicamente no salario base e nos pluses de menor contía: o de condutor/a subirá só 1,05 euros en tres anos e o do resto do persoal 60 céntimos nese período. Mentes que o salario base medrará un 0,75% unicamente dende maio a decembro de 2020, xa que dende xaneiro a maio non aumentará.
En 2021 a subida será do 1,75%, pero sen revisión, cando agora mesmo o IPC sitúase no 3,3%, polo que existe un risco importante de perda de poder adquisitivo. No último ano do convenio (2022) o incremento será tamén do 1,75%.
O resto do articulado non sufrira modificacións, polo que non se actualizará o valor das dietas nin dos pluses. Tampouco se introducen melloras nas IT, nas licenzas ou nos días de libre disposición, nin se reduce a xornada. Ademais, déixase atrás unha das principais reivindicacións do sector como é pórlle prezo ao traballo en domingo.
Por iso dende a FGAMT-CIG sosteñen que este convenio favorece unicamente a patronal, “que coa escusa da covid -que CCOO e UGT compraron- deixa os traballadores/as como estaban durante tres anos”. A pesar de que durante a pandemia, tal e como lembran dende a central, “se algo non parou de funcionar foi o transporte, obrigando a moitas empresas a aumentar o cadro de persoal polo importante incremento do traballo no sector”.