A CIG non asina o convenio provincial de panadarías, pastelarías e pratos cociñados de Pontevedra
A FGAMT-CIG decidiu non participar na sinatura do convenio provincial de panadarías, pastelarías, pratos cociñados e afíns de Pontevedra para o período 2024-2025 que tivo lugar o pasado 3 de decembro tras o acordo alcanzado entre a patronal Aproinpa e os sindicatos CCOO e UGT. A central denuncia que as persoas traballadoras do sector continúan con xornadas moi elevadas, con salarios moi baixos para o actual custe da vida, con precariedade e dificultades continuas para atender o coidado de familiares e para conciliar a vida laboral e familiar.
A FGAMT-CIG reclama que os atrasos dos salarios de 2024 se abonen a máis tardar na nómina do mes seguinte á publicación do convenio no BOP. E considera que o texto do novo convenio ten que recoller que en caso de que o Goberno español aprobe a redución de xornada deberá aplicarse no sector de forma inmediata, “polo que quedaría sen efecto o artigo das 40 horas de traballo efectivo que actualmente contempla o convenio”.
Outros dos motivos que levou a central a non asinar ten que ver con que o importe do salario durante as vacacións debera de incluír tamén a media dos pluses percibidos durante os últimos 12 meses. Así como que o cálculo do complemento de IT durante as baixas se faga pola base de cotización do mes anterior á baixa médica. Tamén garantir que se poidan coller as licenzas e permisos en referencia (lactación e asuntos propios).
Ademais, dende a CIG lamentan que quedasen fóra do convenio moitas outras cuestións que a patronal non quixo aceptar, como o incremento de nocturnidade por hora, “que finalmente ficou nuns ridículos 0,25 euros para o ano 2025”.
A patronal tampouco aceptou ningunha das propostas de mellora de permisos retribuídos por circunstancias familiares, “limitándose exclusivamente a recoller o que xa temos recoñecido polo Estatuto das Persoas Traballadoras; como tampouco aceptou ningunha das propostas para clarificar os ascensos de categorías”.