A CIG non asina o convenio de seguridade privada ao supoñer unha “oportunidade perdida” para dignificar as condicións laborais
A CIG decidiu non asinar o convenio colectivo estatal de seguridade privada que van ratificar as patronais e os sindicatos CCOO, UGT e USO porque a súa aceptación vai supoñer “outra oportunidade perdida” para dignificar o sector ao non contemplar melloras e avances reais “que fagan desta profesión unha forma de vida con futuro e para o futuro”. Diante disto, dende a central sindical chaman o persoal galego da seguridade privada a participar este xoves 29 na manifestación que sairá ás 11:00 horas dende a Alameda de Santiago até a Praza do Toural.
Suba de soldos afastada da realidade económica
Os incrementos, cunha media do 4 % anual, non compensan en absoluto a perda real de poder adquisitivo sufrida polas persoas traballadoras na última década. Trátase ademais dunha subida diferida no tempo, concentrando o maior incremento no último ano de convenio, o que supón prolongar a precarización salarial durante gran parte da súa vixencia. “Ignórase o carácter esencial, penoso e de alta responsabilidade do sector, así como a evolución real do custo da vida”, denuncian dende a CIG-Servizos.
Por iso a central reclamaba unha suba do 8% anual, “para tratar de recuperar o poder adquisitivo perdido e atraer novo talento cada vez máis cualificado”. De igual maneira que a demandaba o incremento dos complementos de nocturnidade e festividade até o 25% do valor da hora ordinaria.
Cláusula de garantía salarial insuficiente
A cláusula de revisión do IPC está limitada a un máximo do 2 %, o que impide calquera recuperación real do poder adquisitivo. Ademais, non ten efectos económicos ata 2031, deixando sen protección ás persoas traballadoras durante toda a vixencia do convenio. “Na práctica, non garante nada: consolida a perda salarial. É unha simple maquillaxe para aparentar protección mentres se asume explicitamente o empobrecemento do cadros de persoal.”
Condicionamento de dereitos
Este acordo introduce unha dilación expresa na aplicación dunha eventual redución legal de xornada, o que supón renunciar de antemán a melloras legais futuras e priorizar a adaptación empresarial fronte aos dereitos das persoas traballadoras. “Resulta inadmisible que o convenio se utilice como freo a avances normativos”, censuran, ao tempo que lembran que a CIG defende unha redución inmediata da xornada a 35 horas semanais, “sen esperar a reformas legais, con calendarios laborais anuais entregados o 30 de novembro e cubrindo o 100% dos servizos fixos e estables”.
Medidas de conciliación limitadas
As supostas melloras en conciliación están infestadas de excepcións operativas e non garanten a súa aplicación real na maioría dos servizos. O aumento de descansos queda subordinado á organización empresarial, sen mecanismos de control nin compensacións efectivas. Ademais, o incremento diferido até 2028 das fins de semana non mellora de forma substancial o actualmente xerado nos calendarios anuais, porque nestes a maioría xa gozan de máis fins de semana que un ao mes. Polo que só afectaría de forma efectiva a aquelas persoas traballadoras que carezan de calendario anual.
“Coa nosa proposta de dúas fins de semana completas ao mes, coincidindo en sábado e domingo, así como a ampliación da compensación económica para todas as quendas dos días 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro, con descansos alternos reais, trasladamos a demanda real das persoas traballadoras do sector e non medias tintas que non responden ás súas necesidades”.
Aumento de obrigas sen melloras económicas
Abandonouse de forma moi temperá e rápida a plataforma unitaria estatal só para responder aos intereses empresariais. Polo que a única saída pasa pola negociación dun convenio galego, adaptado á realidade do sector e ás demandas das persoas traballadoras
Introdúcense novas esixencias organizativas (contactos permanentes, cuadrantes, ordes de servizo, exercicios de tiro, etc.) sen unha mellora salarial proporcional. Non se asumen os gastos de renovación do TIP nin da licenza de armas, sendo requisitos obrigatorios para o traballo. Amplíanse funcións e responsabilidades en sectores como radioscopia, carga aérea ou seguridade electrónica sen recoñecemento económico suficiente, só responde a unha necesidade para resolución dunha problemática actual.
“Neste punto mantemos a proposta de equiparar á alza o plus de perigo, recuperar o plus de transporte e vestiario en 15 pagas e crear novos pluses que recoñezan as cargas reais de traballo e fagan atractivo o sector para incorporar novo talento”
Propostas que reproducen dereitos legais
Moitas medidas limítanse a trasladar ao convenio sentencias ou normativa vixente. Non son avances reais, senón obrigacións xa existentes. “E presentar mínimos legais como concesións é inaceptable e profundamente desleal nunha negociación colectiva”. Para iso a CIG esixe tres días retribuídos de asuntos propios e unha mellora real de permisos e licenzas.
Falta de compromisos en cuestións estratéxicas
En materias clave como coeficientes redutores ou clasificación profesional, a proposta que van asinar limítase a crear comisións de estudo sen prazos nin garantías. En relación coa xubilación parcial vinculada á porcentaxe de absentismo, traslada a responsabilidade empresarial ao persoal, utilizando o absentismo como elemento penalizador, cando este responde o envellecemento, a carga de traballo e a falta de medidas preventivas.
O resultado é a ausencia de garantías reais de aplicación dado que as porcentaxes propostas poden impedir na práctica o acceso efectivo a esta modalidade de xubilación. Non existe interese en apostar pola substitución xeracional, desaproveitando unha ferramenta clave para rexuvenecer persoais e reducir o desgaste físico e psicosocial. “Isto demostra unha clara falta de vontade para abordar os problemas estruturais do sector”.
Descompensación global da proposta
En conclusión, esíxese esforzo, flexibilidade e adaptación constante ao persoal, mentres se ofrecen melloras económicas mínimas, diferidas e condicionadas. “Existe unha desproporción evidente entre o que se pide e o que se ofrece. O resultado é unha proposta inxusta, regresiva e socialmente irresponsable”.
A CIG considera que este acordo non garante o mantemento do poder adquisitivo, non mellora de forma substancial as condicións laborais e non responde as necesidades reais do sector, “polo que non podemos asumir o seu contido e rexeitamos a súa sinatura”.
Ao mesmo tempo, na central sindical consideran que a vía estatal de negociación está esgotada. “Comprobamos como se abandonou de forma moi temperá e rápida a plataforma unitaria estatal unicamente para responder aos intereses empresariais. Polo que a única saída pasa pola negociación dun convenio galego, adaptado á realidade do sector e ás demandas das persoas traballadoras”.