A CIG non asina o acordo para que Navantia aplique ao seu persoal o permiso recuperábel por existir alternativas menos lesivas
A CIG non avala o acordo acadado entre Navantia e o comité intercentros para a aplicación do Real Decreto-lei 10/2020, polo cal os traballadores e traballadoras da empresa naval pública deberán acollerse a un permiso retribuído recuperábel e que, segundo o recollido no documento farase preferentemente a conta das vacacións, días de permiso e días de axuste de xornada xa realizada.
A sección sindical da CIG lembra, e así o puxo de manifesto tanto nas xuntanzas da parte social como coa propia empresa, que este RD non é de obrigado cumprimento no caso de Navantia e que existen outras medidas legais para enfrontar a parada derivada da pandemia da COVID19 sen que as consecuencias desta emerxencia recaían exclusivamente na conta das traballadoras e dos traballadores
Tal e como recolle nas súas conclusións o informe da Dirección Xeral de Traballo, fica totalmente claro que o permiso retribuído recuperábel deberá utilizase se non é posíbel a aplicación doutras medidas ou se estas foran insuficientes.
Para a representación da CIG resulta incomprensíbel que se todos os sindicatos con presenza no comité intercentros rexeitaron a proposta previa da empresa por tratarse dunha distribución irregular da xornada e ir só á conta do persoal, "agora si lles serva esta medida sen estudar máis alternativa e incluso antes de concretalo sequera coa dirección de Navantia".
A este respecto, a CIG xa adianta que se reserva o dereito a levar a cabo todas as accións que considere oportunas.
Negativa a recoller a postura da CIG na acta
Doutra banda, denunciar que, unha vez máis, a empresa coa conivencia do resto de centrais sindicais, non permitiu recoller a posición da CIG na acta, unha actitude que é "unha irregularidade manifesta pois as actas son para reflectir o que acontece nas reunións". Dende a sección sindical pregúntanse se esta negativa será porque "se aparece a postura da CIG, a autoridade laboral, á cal se ten que presentar a acta, podería darnos a razón".
A representación da CIG batallará para que os traballadores e as traballadoras non teñan que recuperar eses días sen máis.