A CIG non asina o acordo do ERTE de Ferroatlántica ao non contemplar ningunha garantía de emprego
Na madrugada deste martes, UGT, CCOO e USO asinaban un acordo con Ferrotlántica para aplicación do expediente de regulación temporal que a CIG non avalou porque non contempla nin unha soa garantía de emprego e de produción industrial para as fábricas galegas. Até o último momento, a central nacionalista pelexou para que se incorporaran no documento cláusulas neste sentido, mesmo estando disposta a rebaixar as demandas sobre os complementos salariais para chegar a un entendemento, porque o prioritario non son cuestións económicas puntuais, senón o mantemento dos empregos e da actividade produtiva.
Porén, a empresa negouse a acceder as estas demandas e nin sequera aceptou incluír no acordo as garantías de emprego recollidas para o ERE do ano 2009, como non aplicar un despedimento colectivo durante o tempo de vixencia do ERTE ou que calquera posíbel transvase de produción ou de materias primas entre as fábricas do grupo supoña a suspensión automática do expediente de regulación. Non cómpre perder de vista que xa se produciu este traslado co desabastecemento dos fornos 13 e 14 de Cee e dun forno en Sabón.
No aspecto social, a CIG conseguiu que a empresa retirara do acordo a proposta sobre flexibilidade de xornada e polivalencia, que resultaría ilegal posto que a flexibilidade e a polivalencia son materias reservadas á negociación colectiva nos centros de traballo entre comités e empresa, tal e como así se establece nos convenios colectivos. Ademais, as pretensións de Ferroatlántica de basear a afectación individual do ERTE sobre a polivalencia de cada traballador/a, xeraría discriminacións entre o persoal no tempo que teñen que pasar no desemprego.
Posibilidade de prorrogar o ERTE
Para a CIG este é a todas luces un mal acordo que non ten garantías de emprego e que deixa as fábricas de Ferroatlántica no mesmo escenario no que estaban a 1 de xaneiro: con fornos parados e unha enorme incerteza. De feito, no documento establécese que o ERTE se aplicará inicialmente dende o 1 de marzo até o 28 de febreiro de 2021, mais ábrese a posibilidade de que este se prorrogue despois desa data.
A central considera esta medida totalmente inaceptábel tendo en conta a actual conxuntura, na que está en marcha o procedemento para a regulación dunha tarifa eléctrica para a industria con grandes consumos enerxéticos. Cuestión que a empresa non ten para nada en conta, ao igual que non pon en valor a vantaxe competitiva que lle supón ter concesións públicas en Galiza para a explotación das centrais hidroeléctricas da Costa da Morte e da mina de silicio de Serrabal (que quedan fóra do ERTE e nas que a produción está ao 100%).
A Xunta debe actuar de inmediato
A este respecto, a CIG reitera o chamamento á Xunta de Galiza para que sume xunto cos traballadores e traballadoras e faga valer as cláusulas concesionais das minas e das centrais hidroeléctricas como mellor garantía da viabilidade das fábricas e do mantemento dos empregos. Estas son condicións obrigadas para que Ferroatlántica poida seguir gozando das explotacións dos nosos recursos, pero paralizar fornos, deslocalizar a produción e desabastecer as fábricas de materias primas non parece a mellor maneira de garantir a actividade industrial. Por iso, dende a CIG instamos a Xunta a que actúe de inmediato neste sentido, sobre todo tendo en conta que o Grupo Villar Mir négase a retirar os recursos contra a resolución de Augas de Galiza pola que non se autoriza a venda das centrais.
Asembleas de traballadores/as
Nos próximos días celebraranse asembleas de traballadores e traballadoras nas fábricas de Sabón e Cee para explicar pormenorizamente o contido do acordo e explicar os motivos polos que a CIG non o asinou.
Concentración o 1 de marzo na fábrica de Brens
A central sindical tamén seguirá presionando o Goberno español para esixir solucións para a industria electrointensiva e apresurar a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que recoñeza o estatuto específico deste tipo de empresas con grandes consumos de enerxía. Así, a CIG ten convocada para o vindeiro venres, 1 de marzo, unha concentración diante da fábrica de Brens (Cee), ás 12:00 horas, no marco do calendario de mobilizacións que a central está a desenvolver diante da grave crise nas industrias electrointensivas.