CIG non asina o acordo do ERE do Popular-Pastor porque supón perder uns 400 empregos na Galiza
A Sección Sindical da CIG nos bancos Pastor e Popular non asinou o acordo para o expediente de regulación polas graves repercusións que ten para Galiza: perderanse uns 400 postos de traballo, pecharán un total de 42 oficinas e outras 25 sufrirán un peche parcial. Unhas cifras que a central nacionalista considera intolerábeis e que se poderían paliar se a entidade aceptara aplicar medidas alternativas de organización.
A CIG non se sumou ao acordo entre os sindicatos de ámbito estatal e os representantes da entidade porque tampouco comparte as razóns da empresa para levar a cabo este expediente. "Non é certo que sobren 2.592 persoas (en realidade na rede de oficinas falta de persoal), e isto sábeo tamén a empresa que incluso recoñeceu que é un problema de organización do traballo", subliñan.
Xunto a isto, a Sección Sindical cuestiona a "voluntariedade" das saídas do persoal, xa que a empresa está a recorre á baza do medo e a incerteza das traballadoras e traballadores afectados con respecto ao futuro. "A 'voluntariedade' na maioría dos casos é unha escolla entre o 'malo e o peor'", denuncian.
De igual xeito, dende a central nacionalista non se acepta a xustificación do banco para non aplicar medidas alternativas de reorganización do cadro de persoal, tal e como podería ser un acordo de prexubilacións. "A empresa alude a dificultades económicas, pero hai recursos suficientes, simplemente as traballadoras e traballadores do banco non son prioritarios", critican nun comunicado.
A unidade nas mobilizacións non tivo reflexo na mesa de negociacións
En canto á acción sindical, a representación da CIG recoñece que a lexislación actual facilita as empresas a aplicación dun expediente de despedimento colectivo, pero lembra que unha oposición firme e unitaria de toda a representación sindical "é un elemento determinante para poder defender o mantemento dos postos de traballo".
E nese senso, lamenta que a unidade de acción sindical que se materializou nas concentracións e manifestacións realizadas por todo o país (iniciadas pola CIG coa celebración dunha asemblea de traballadoras e traballadores), non tivo pola contra un claro reflexo na mesa de negociación, aceptando os sindicatos asinantes do acordo as razóns aludidas pola empresa para a presentación e aplicación do expediente de despedimento colectivo.
Dende a CIG queren agradecer a todos as compañeiras e compañeiros a súa participación fas concentracións e manifestacións convocadas na defensa dos postos de traballo e animan ao persoal a continuar na loita.