A CIG non asina a Oferta de Emprego Público para 2023 por falta de negociación real
A CIG non asinou a proposta de acordo sobre a Oferta de Emprego Público para 2023 trasladada no día de onte polo Goberno español na Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado. A proposta foi remitida con tan só 12 horas de antelación e o documento, explica o secretario nacional da CIG-Administración, Luis Carballo, carecía ademais dos datos numéricos das prazas a convocar así como dun desglose de cifras a nivel sectorial.
Datos que, matiza, foron requiridos "e que a administración estatal se negou a facilitar, o que impediu a posibilidade de saber cantas prazas son de novo ingreso, cantas de promoción interna, cantas de persoal laboral, cantas de persoal funcionario, e saber se estamos ante un incremento real de efectivos que permita compensar a perda continua de persoal nestes últimos lustros.
Carballo critica que a intención do Goberno español "non era outra que cubrir o trámite obrigado por lei de pasar a OEP pola mesa de negociación, quedando patente a nula disposición do PSOE a negociar e de utilizar a oferta de emprego como propaganda electoral. E así o manifestamos, denunciando esta maneira de proceder".
A subliñou que non podía avaliar unha proposta segada, que carece de datos reais que garantan unha aposta clara polos servizos públicos que se atopan colapsados e que obvia os atrancos que están a ter as anteriores convocatorias de OEP aínda sen desenvolver.
Nesta liña, a central nacionalista demandou un calendario real das convocatorias, xa que aínda hai convocatorias de persoal laboral pendentes dende o ano 2018, e de persoal funcionario dos anos 2019, 2020 e 2021. Por iso, tamén se denunciou a falta de celeridade dos procesos selectivos ou a necesidade de suprimir a taxa de reposición, pois "son problemas que cómpre afrontar nesta OEP 2023".
En resumo, conclúe Carballo, "a CIG non aprobou esta proposta de OEP por entender que non deriva dunha negociación real da Mesa Xeral e que só serve de propaganda para maior gloria do Goberno do PSOE".