A CIG non apoia a OEP do Concello de Monforte porque exclúe as persoas con discapacidade

Unha vez máis, non se reserva ningunha praza este colectivo a pesar de que así o establece a normativa vixente
Monforte - 29 Xan 2025

O día 29 de xaneiro, na mesa xeral de negociación celebrada no Concello de Monforte na que se propón e aproba a Oferta de Emprego Público (OEP) para o ano 2025, confirmouse como se segue a excluír ás persoas con discapacidade nesta administración local, xa que non se recolle ningunha praza destinada a este colectivo.

Hai que ter en conta que a normativa vixente, no artigo 59 do EBEP, establece que nas OEP das administracións “se reservará unha cota non inferior ao sete por cento das vacantes para ser cubertas entre persoas con discapacidade”.

Pero o Concello de Monforte, cando menos nas últimas catro OEP, non destinou ningunha praza a cubrir esta cota, "polo que están a vulnerar os dereitos das persoas con discapacidade ao privalas de poder ser partícipes da administración segundo o que se recolle no actual marco legal, e ademais estase afondando nas desigualdade que padece o colectivo", denuncia a representación da CIG.

Lembran que nas OEP dos últimos catro anos houbo 30 prazas ofertadas das que ningunha está reservada ao colectivo das persoas con discapacidade. A pesares de que na mesa xeral de negociación a CIG lle solicitou ao Concello que tivera en conta este feito e emendara a situación na OEP de 2025, "o Concello fixo caso omiso da nosa proposta".

Alegando a necesidade de un emprego digno para todas e todos, e considerando que se está a vetar o acceso ao colectivo de persoas con discapacidade na administración pública, a representación da CIG votou en contra da OEP 2025 no Concello de Monforte. Neste sentido, lamentan a falta de sensibilidade de UGT e CSIF que si apoiaron a convocatoria, mentres que CCOO estivo ausente.