A CIG non acudirá á xuntanza convocada polo conselleiro de Facenda para informar dos Orzamentos para 2027

Denuncia que son reunións de puro trámite e non serven nin para avaliar o contido do proxecto, nin para atender ningunha das propostas que se puideran achegar
Nacional - 05 Out 2026

A CIG acordou non asistir á xuntanza convocada pola Consellaría de Facenda para presentar os eixos dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2027. A central sindical, que xa non acudiu o ano pasado, denuncia que estas reunións de trámite non teñen utilidade algunha, máis alá da foto, e non serven nin para avaliar o contido do proxecto, nin para atender ningunha das propostas que se puideran achegar.

A central sindical cuestiona as políticas do Partido Popular que, lonxe de atender as demandas da clase traballadora, ten intensificado ao longo deste ano as súas políticas de recorte de dereitos laborais e sociais, co agravante de ter instaurado un sistema de acoso e persecución das persoas traballadoras enfermas, mentres estrangula e privatiza a sanidade e os servizos públicos.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, denuncia tamén ao goberno da Xunta por ter ignorado, de forma sistemática as recomendacións e ditames de organismos como o Consello Económico e Social (CES), e por manter o diálogo social como ámbito de negociación, convertendo ese espazo nun mecanismo permanente de pacto entre o goberno, a patronal e determinadas organizacións sindicais, en substitución da negociación colectiva, da mobilización e dos órganos legais de participación institucional.

Cuestiona ademais a un executivo que mantén como conselleiro de Emprego e Relacións Laborais a José González. “É incompatíbel que a máxima autoridade política en materia laboral de Galiza, responsábel de garantir o cumprimento da legalidade laboral, e que foi incapaz de facer que esta se cumprira na adega da súa familia, continúe no seu posto”, afirma.

Para a CIG nada hai que falar cun Partido Popular que vén radicalizando a súa posición, ano tras ano, con medidas cada vez máis indisimuladamente ultraliberais, de ultradereita e ultraespañolistas, que empeoran as condicións de vida da maioría social, a clase traballadora, e atacan os nosos sinais de identidade, como o recente pacto acadado co PSOE, que mantén o decreto de plurilingüísmo e a prohibición de utilizar a nosa lingua nas aulas.

O desmantelamento e privatización da sanidade pública, políticas das que se gaba, avanzan a pasos axigantados atentando contra o dereito á saúde do noso pobo, con listas de agarda cada vez máis longas, con atrasos eternos nas probas diagnósticas e con cada vez máis dificultade para conseguir unha cita, en tempo e forma, na Atención Primaria.

A atención á discapacidade e a dependencia é unha quimera para as miles de persoas que agardan por unha valoración. Acceder a unha praza pública nunha residencia tórnase imposible, mentres se engorda o negocio privado a custo de dependentes e familias que teñen que afrontar cantidades imposibles, provocando o empobrecemento de todo o contorno da persoa dependente.

As traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar seguen agardando por un Protocolo que garanta a súa integridade física e por salarios que lles permitan vivir con dignidade. Igual que ignora as demandas do persoal das escolas infantís 0-3, dos centros de protección a menores e reforma xuvenís, das Residencias de Maiores, dos Centros de Día, dos Centros de Noite, das Vivendas Tuteladas e dos Fogares Residenciais, dos Centros de Atención á Diversidade, dos Servizos de Axuda no Fogar, equipos de valoración da discapacidade e dependencia, atención temperá á discapacidade, equipas de protección da infancia. Servizos que o goberno do PP na Xunta tamén se afana por desmantelar e precarizar con políticas privatizadoras para facer deles outro negocio máis a costa das persoas máis vulnerábeis.   

Por isto, e porque ademais volverán aproveitar a Lei de Acompañamento para introducir novas modificacións e recortes pola porta de atrás, a CIG non asistirá a unha convocatoria que Carril cualifica como “farsa”. Unha xuntanza na que “o PP só pretender vender como interlocución o que non son máis que anuncios propagandísticos que logo a realidade acaba por desmontar”, conclúe.