A CIG non asistirá á reunión con Ferroatlántica porque non hai cambios nos plans e obxectivos da empresa
A CIG non acudirá á reunión convocada pola dirección de empresa para o vindeiro luns, 3 de abril, en Madrid, na que, segundo anuncia, presentará o "Plan de futuro del grupo Ferroatlántica en España: inversiones y empleo". A central sindical entende que non se produciu ningunha novidade nin cambio significativo dende que, no pasado mes de decembro, a empresa dera a coñecer aos sindicatos, comités e delegados/as de persoal dito proxecto, baseado na ilegal venda das centrais hidroeléctricas e a segregación de actividades.
Nesa reunión xa se abordou e presentou por parte da Dirección de Empresa o denominado “Plan de futuro del grupo Ferroatlántica en España: inversiones y empleo” na que esta central sindical claramente detallou a súa posición contraria ao mesmo, por estar sustentado na venda da centrais hidroeléctricas e, concretamente, das centrais dos ríos galegos Xallas e Grande. Unhas instalacións explotadas a través de concesións administrativas vinculadas á produción de ferroaliaxes e, polo tanto, que non se poden vender nin segregar, tal e como así se recolle no título concesional.
As cláusulas da autorización administrativa foron avaladas por sentenzas xudiciais das que a empresa é coñecedora e tamén por recentes informes xurídicos realizados pola Universidade da Coruña.
Doutra banda, a CIG cuestiona a exclusión das outras empresas do Gupo Ferroatlántica en Galiza (Ramsa, FerroSolar, etc.), destas reunións.
O marco de discusión só corresponde ás fábricas de Cee e Dumbría
Na xuntanza de decembro, a CIG trasladou a preocupación e desacordo ante un plan que para a súa posta en marcha contempla proxecto “estrela” que se instalará en Puertollano, pero para o cal é fundamental o aproveitamento dos recursos naturais de Galiza, como o seixo da mina de Serrabal. Mais, ao igual que sucede coas centrais hidroeléctricas do Xallas e Grande, a explotación destes recursos non reverte na industrialización, modernización, ampliación, mellora e nas creación de emprego nas respectivas comarcas galegas.
Por todas estas razóns, a CIG manifestara en dita reunión que o único marco de discusión e decisión sobre temas que atinxen ás concesións hidroeléctricas corresponde exclusivamente ás fábricas galega de Cee e Dumbría.
A empresa, con posterioridade convocou distintas reunións en Santiago ,nos distintos centros e cos respectivos comités. A central sindical acudiu en calidade de asesora a estas xuntanzas, nas que se debateu en profundidade dito plan e nas que a posición da CIG foi clara e de respaldo á postura do comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, como único centro de traballo ao que legalmente se lle recoñece a vinculación de actividades hidroeléctrica e de ferroaliaxes.
Plan de reconversión
A CIG entende, e así llo ten manifestado á dirección en numerosas ocasións, que a empresa está intentando levar adiante un plano de reconversión e desmantelamento. Con este obxectivo, pretende buscar a “complicidade” dos comités, as organizacións sindicais, as entidades sociais e as administracións para unha operación de venda das centrais hidroeléctricas que é ilegal.
En todo caso, A CIG reitera a disposición ao dialogo e á colaboración ante calquera actuación que Ferroatlántica pretenda, pero sempre que se asente nun auténtico e verdadeiro Plano Industrial, con base no respecto ao actual marco legal e, polo tanto, cesando no empeño da venda das centrais; que garanta a reinversión das actividades da explotación dos aproveitamentos hidráulicos; e que recolla a realización de todas as fases do proceso industrial de silicio solar en Galiza.
Cada día que pasa, as actuacións e decisións de Ferroatlántica neste intenso e esgotador empeño por vender as centrais hidroeléctricas, reafirman a necesidade de manter e reforzar as posturas discrepantes contra destas intencións. Neste sentido, a dubidosa credibilidade desta empresa pódese exemplificar con tres feitos: o incumprimento de calquera inversión e modernización nas fábricas -nin tan sequera se construíu o formo 23 en Dumbría-; as verdadeiras consecuencias que supón a fusión con Globe; e o incumprimento das inversións anunciadas en setembro de 2016 en FerroSolar.
A empresa ignora as demandas de toda a comarca
O pasado 10 de marzo tivo lugar unha histórica xornada de mobilización e folga na Costa da Morte, que deixa claro cal é o futuro que a comarca desexa. Neste senso, a CIG pídelle á empresa que respecte este clamor, desista dunha vez de calquera futuro asentado na venda das centrais hidroeléctricas, e aposte por construír unhas novas e sólidas bases de entendemento de acordo aos desexos que teñen os cadros de persoal de Cee e Dumbría e, por extensión, o pobo da Costa da Morte.
Por último, non asistindo a reunión convocada para o vindeiro luns en Madrid, a CIG quérese sumar, como central sindical, ao comunicado que o pasado 24 de marzo o Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas enviou á dirección de empresa expoñendo as razóns polas que entende que calquera convocatoria “relacionada co plan industrial asentado na venda das centrais ten que pasar por un posicionamento previo por parte da empresa de desistir publicamente da intención de venda e segregación de actividades”.
Polo tanto, a CIG ten toda a disposición de dialogo e negociación sempre que se respecte o marco de decisión e legalidade vixente, e realmente a dirección da empresa aposte pola creación de emprego e industrialización no noso País.