A CIG non acude á xuntanza sobre os Orzamentos pola nula intención da Xunta de mudar as súas letais políticas para Galiza

O secretario xeral cualifica de “farsa” a convocatoria da Consellaría de Facenda e reclama unha interlocución real cos sectores públicos en loita
Nacional - 10 Out 2025

A CIG acordou non acudir á xuntanza convocada pola Consellaría de Facenda para expor as liñas xerais dos Orzamentos da Xunta para 2026, en rexeitamento ás políticas de recortes e á deriva na que está inmerso o Goberno galego do PP, aplicando medidas radicalmente neoliberais, de ultradereita e españolistas que empeoran as condicións de vida do conxunto da clase traballadora e do pobo galego.

Estas xuntanzas, que son un mero trámite, non teñen como obxecto escoitar e avaliar as contribucións que as centrais sindicais poidan realizar, nin  moito menos incorporar estas propostas nos orzamentos galegos. “A CIG ten asistido noutras ocasións a estas reunións, pero na conxuntura actual non imos participar desta convocatoria-farsa, na que o PP só busca aparentar unha interlocución que para nada coincide coa súa praxe. Máis aínda cando resulta obvio que non hai intención de emendar estas políticas letais para a sociedade galega”, denuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Lembra que a Xunta leva meses facendo ouvidos xordos ás loitas e folgas encetadas polas traballadoras e traballadores de sectores básicos, como a sanidade e o ensino, e cun especial desprezo polos sectores relacionados cos coidados e a atención ás persoas que teñen a xestión privatizada (SAF, residencias de maiores, centros de día, protección de menores e reforma, discapacidade ou educación infantil 0-3).

As xustas e lexítimas demandas de ámbito laboral son sistematicamente ignoradas e desprezadas polo Goberno galego, como tamén o é o clamor social pola defensa duns servizos públicos de calidade.  E o mesmo ocorre, en todas as demandas en materia  de igualdade.

A isto súmase o incompetente papel xogado na vaga de lumes deste verán e a falla de solucións para a recuperación das zonas afectadas, expresadas nas mobilizacións do 21 de agosto e 14 de setembro, así como a continuidade das políticas que fixeron posíbel esta catástrofe.

Na nefasta acción de goberno do PP en Galiza, o secretario xeral destaca a ausencia de políticas de emprego e reindustrialización, a aposta por un modelo industrial depredador que non pon os recursos naturais ao servizo do pobo (ofensiva eólica, proxecto de Altri, mina de Touro, etc.), a insistencia nas políticas de desmantelamento e recorte dos servizos públicos, e a desidia en sectores como o marisqueiro, que agoniza sen solución, o naval ou a automoción, para os que non existen plans estratéxicos de futuro que garantan emprego digno.

Critica tamén as  actuacións, posicións e declaracións cómplices do Goberno de Rueda  co xenocidio de Israel  ao pobo palestino e a dureza aplicada no decreto de servizos mínimos para o paro xeral por Palestina do próximo 15 de outubro. “Todo suma un conxunto de razóns que fai imposíbel que acudamos a esta xuntanza”, asevera.

Campaña da CIG por unha Galiza con dereitos

Precisamente, a CIG ten en marcha a campaña ‘Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade’ para demandar medidas urxentes que deberían contemplarse nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2026, no marco da que xa se realizaron mobilizacións nas comarcas o 7 de outubro, e que terá continuidade nos centros de traballo e nunha acción nacional en Compostela o 10 de decembro.

Esta campaña pivota sobre seis grandes liñas de actuacións para a creación de traballo digno e a industrialización; a recuperación, ampliación e fortalecemento dos servizos públicos; o desenvolvemento dun plan galego pola igualdade; a posta en marcha dun sistema de atención ás persoas nunha única rede de xestión directa; a creación dun parque de vivendas dignas públicas e dun banco galego de vivenda para aluguer social; así como a apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza.