A CIG non acude á toma de posesión da nova presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais en protesta polo proceso de elección
A CIG non participou no acto de toma de posesión da nova presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRRLL), Antía Sández Callejo, que tivo esta mañá en Santiago en protesta por un proceso de elección no que non se lle permitiu participar e no que se optou pola imposición da candidata.
A central sindical comunicoulle previamente esta decisión por escrito á conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, para deixar constancia do seu rexeitamento. “Dende a CIG fixemos todos os esforzos, e incluso tomamos a iniciativa, para poder ter canto antes unha persoa de consenso para asumir a presidencia e que nos representara a todos/as, algo que finalmente non foi posíbel; e aínda por riba non se contou connosco no proceso posterior, impoñéndosenos unha candidatura sen contar coa nosa opinión, feito de actuar que incluso eclipsa a propia candidata”.
O Goberno galego e a e Consellaría teñen a obriga de gardar o fondo e as formas e garantir o noso dereito a participar e discrepar en función da nosa autonomía e independencia
Na central sindical entenden que tanto o Goberno galego como a propia Consellaría teñen a obriga de gardar o fondo e as formas e garantir “o noso dereito a participar e discrepar en función da nosa autonomía e independencia”. Neste senso, consideran que “o procedemento e como se fan as cousas danlle sentido e valor á propia institución”.
Ao mesmo tempo pregúntanse se proposta é boa para mellorar o funcionamento do CGRRLL ,“cal é o problema en programar, estruturar e dar participación a aquelas organizacións que temos lexitimación para tomar a decisión?”.
“As formas non se gardaron e excluíusenos do debate para poder exercitar o noso dereito ao voto; non se nos pode furtar o dereito fundamental de participar e que se nos escoite, porque temos dereito a tomar a posición que consideremos máis acaída, xa deixarnos ese dereito fai que o outro dereito sexa estéril e sen valor”. Nesta liña, dende a central sindical lembran que “as formas, como moi ben sabemos grazas ao AGA, favorecen a convivencia, suavizan e incluso resolven conflitos”.
Independencia do organismo
Na CIG consideran que este organismo debe caracterizarse pola súa independencia, sen inxerencias nin influencias externas e que a “cortesía institucional” debera marcar o como facer as cousas, “mais lamentabelmente nos derradeiros tempos isto non está a suceder”. Por iso agardan que o seu lexítimo dereito a non participar no chamado “Diálogo Social en Galicia” non teña que ver con esta exclusión.
Finalmente queren deixar claro, como a central sindical xa manifestou no pleno do CGRRLL, que a súa abstención tiña que ver co fondo e coas formas do proceso e non coa persoa proposta, “que poderá contar coa nosa responsabilidade para o bo funcionamento do organismo”.