A CIG non aceptará nin un só despedimento, directo ou encuberto, coa fusión BBVA-Sabadell
As seccións sindicais da CIG no BBVA e no Sabadell, onde a central sindical é maioritaria na suma da representación sindical das dúas entidades, con 24 delegados/as fronte a 21 de CCOO, 9 de UGT, 3 de CGT e 13 de FINE, denuncian o “fracaso” da reconversión do sistema financeiro; a restrición de servizos; o cobro de comisións abusivas e as consecuencias demoledoras que ten para o emprego e para a sociedade. Advirten ademais que desde a central sindical non se aceptará nin un só despedimento directo ou encuberto.
A posible fusión do BBVA e Banco Sabadell é un novo chanzo no proceso de reconversión bancaria, un proceso de concentración con efectos demoledores sobre o emprego, pero tamén moi negativo para o conxunto da sociedade.
Así o afirman as seccións sindicais da CIG de ambas as entidades para as que o comezo dos traballos para estudar a fusión tradúcese nunha “guerra polo reparto do poder” e “a cantos e cantas de nós despiden”.
Un modelo que non responde ás necesidades nin da sociedade, nin dos sectores produtivos
Consideran que a reconversión do sistema financeiro é un fracaso porque cada vez hai entidades máis grandes pero de escasa rendibilidade e dependentes do apoio público. “Un modelo que non responde a necesidade de servizo da cidadanía, nin as necesidades financeiras dos sectores produtivos”.
Ademais, como veñen insistindo dende o BCE e dende as patronais bancarias, afirman que “só buscan garantir rendibilidades de 2 cifras ao accionariado dos bancos”, pero, advirten, “para conseguilo están matando a galiña dos ovos de ouro”.
Entende que as oficinas eran a vantaxe competitiva fronte á banca na sombra, mais denuncian que “os propios bancos están adestrando a clientela, forzándoa a dixitalizarse, restrinxen servizos (onde está a CNMC?) e, incluso a quen demanda servizos presenciais, cóbranlle comisións abusivas para que non vaian as oficinas. No fondo, prepáranlle o camiño ás grandes tecnolóxicas, a clientela coa dixitalización perde a vinculación co banco”.
Ese proceso de reconversión, fusións e dixitalización forzada é demoledor para o emprego. Por iso a súa premisa ante a posible fusión pasa por defender os postos de traballo aquí, a nivel galego. “Defenderemos seguir dando servizos presenciais á clientela, que son unha garantía de emprego e as colas nas portas dannos a razón. Enfronte falarán de duplicidades de oficinas, que levarán a peches masivos (cando sumas bancos 1+1 nunca son 2), pero hai sobre carga de traballo e fanse horas extraordinarias arreo, aquí non sobra ninguén”.
Modelo centralista
Fronte ao modelo centralista de banca focalizado en Madrid, anuncian que “desde a CIG defenderemos o mantemento dos poucos postos de traballo nos pequenos Servizos Centrais existentes a nivel galego, e o mantemento do modelo descentralizado dos postos de xestión remota”.
Repróchanlles a quen deseñan a fusión só pensar nos seus intereses: no reparto de poder; alertan de que “buscarán reducir persoal (os e as que producimos somos un “gasto” a recortar) e manifestan a súa preocupación porque “mentres desde Organismos Públicos se impulsa o proceso de reconversión, se permitan salarios, plans de pensións e blindaxes multimillonarios dos Directivos e sigan vixentes as reformas laborais que nos aplican a quen suamos a camiseta”.
Nin un só despedimento
Advirten de que para a CIG hai unha liña vermella: “non aceptaremos nin un só despedimento directo ou encuberto” e de que, se hai fusión, “fronte ao reparto de poder, o pacto dos galos, nós defenderemos que se tomen medidas por arriba, e que sexa unha oportunidade para avanzar en igualdade. Os homes que nos trouxeron até aquí, non poden ser os que nos dirixan no futuro”.
Por último advirten de que haberá sindicatos que dirán que defenden un proceso dialogado e pactado. “Ollo con eses, serán os que asinarán os despedimentos dos compañeiros e compañeiras”.
Por iso lembran que “por lei este tipo de procesos deben ser negociados” mais que “o que non obriga ningunha lei é a que os sindicatos comulguemos coas “rodas de muíño” das Direccións”.