A CIG no Ministerio de Defensa pide a retirada da simboloxía franquista das dependencias desta administración
A representación da CIG no Ministerio de Defensa vén de solicitar a retirada da simboloxía e da nomenclatura franquista que aínda permanece nas dependencias adscritas a esta administración en Galiza, en cumprimento do establecido na Lei 52/2007.
O subsector da CIG-Administración Pública no Ministerio de Defensa remitiu, vía rexistro, un escrito dirixido directamente á ministra Margarita Robles, solicitando a retirada dos símbolos e o cambio das denominacións de rúas e edificios relacionados co franquismo das dependencias que este Ministerio ten en Ferrol, A Coruña, Santiago e Pontevedra.
Ao tempo, a sección sindical no Arsenal de Ferrol, tamén enviou outro escrito ao Almirante con esta mesma solicitude. Neste caso, facendo especial mención á simboloxía máis visíbel na nomenclatura de nove rúas do Arsenal, "para o que se fai unha proposta de mudanza de nomenclatura do rueiro co obxectivo de dignificar a figura da muller traballadora na historia da cidade".
A tal fin, a sección sindical da CIG propón dez nomes de mulleres traballadoras relacionadas co movemento obreiro ferrolán, "así como catro oficios historicamente levados a cabo polas mulleres, a día de hoxe desaparecidos, e que grazas ao seu esforzo fixeron posíbel o desenvolvemento da actividade no Arsenal".
O obxectivo da representación da CIG con estas solicitudes "é sumarse como un colectivo máis ás reiteradas peticións doutras asociacións pola retirada da simboloxía franquista que aínda permanece en espazos públicos, co interese acrescentado de que estes espazos públicos supoñen o lugar de traballo do persoal civil ao servizo do Ministerio de Defensa na Galiza".