A CIG no Concello de Lugo denuncia o abuso das comisións de servizo para cubrir postos de xefatura
A Sección Sindical da CIG no Concello de Lugo denuncia o abuso que desde o Concello se está a facer na contratación a través do sistema de comisión de servizo para cubrir as prazas de xefaturas. O Concello de Lugo utiliza este método de xeito cotiá e continuado, "cando este sistema está limitado exclusivamente para casos de máxima urxencia", advirten.
Así, explica o responsábel da sección sindical, Fernando Fernández, neste ano ofertáronse mediante este sistema os postos de Xefatura do Parque Móbil e Parque Infantil de Tráfico, e agora preténdese cubrir mediante o mesmo sistema o posto de director da Banda de Música Municipal.
No primeiro caso, apunta, o posto está vacante desde agosto de 2017, un tempo que considera "máis que suficiente" para prover a praza de forma ordinaria e axeitadamente. O posto de director da Banda de Música Municipal está vacante desde novembro de 2016, "tempo tamén máis que suficiente para prover a praza ordinariamente, mais neste caso por riba preténdese cubrir, polo publicado nos medios, cunha persoa que non consta que posúa a titulación de director de banda". Neste senso, Fernández lembra que a situación desta vacante era previsíbel tendo en conta que o titular anterior se ía xubilar, "circunstancia que el mesmo anticipou ao propio Concello a principios do ano 2016".
É por isto que desde a sección sindical da CIG no Concello de Lugo preguntan por que razón o Concello de Lugo non convocou estes postos de xefatura mediante os procedementos recollidos na lei, e que garanten o acceso á Administración segundo os principios de igualdade, mérito e capacidade.
De igual xeito, "procedeuse á elección da dirección da Escola Municipal de Música dunha maneira contraria ao previsto no propio regulamento de Réxime Interno da Escola, como este sindicato ten denunciado xudicialmente".